Enterro da sardiña. Lugo 1985 (Foto J L Vega) |
Hoxe catorce de febreiro dependendo da óptica coa que miremos o calendario celebramos o san Valentín, o Enterro da Sardiña ou o Mércores de cinza.
Desde fins do século XVII (que nós saibamos) a igrexa católica instaurou os chamados Triduos de Carnaval que, pese ao nome, é un conxunto de exercicios relixiosos que se celebran ao longo dos tres días máis importantes do Entroido ( domingo, luns e martes) e realízase nos templos para desagraviar e expiar os “excesos” das festividades profanas que desenvolve o pobo eses mesmos días.
Como punto final a igrexa remata coa imposición da cinza o mércores que inicia a Coresma.
Estes triduos, dependendo do momento histórico, tiveron un maior ou menor impacto na poboación: a tempos máis escuros maior importancia. Na actualidade seguen a celebrarse pero cun perfil máis baixo e mesmo (cremos) de xeito moi puntual.
Se botamos a vista atrás vemos que El Progreso do 16 de febreiro de 1915 informa sobre a celebración “en todas las iglesias” segundo costume, “en los tres días de Carnaval, el triduo de desagravios".
Lemos no mesmo diario o 28 de febreiro de 1936 esta nova de Monforte de Lemos: "No podían faltar en estos días de Carnaval en que tanto se ofende a Dios, cultos de desagravio al Crucificado.
En varios templos estuvo expuesto el Santísimo y fueron muchos los fieles que acudieron a visitarle.
En la iglesia conventual de Santa Clara se celebró además, un solemne triduo que estuvo concurridísimo y en el cual ocupó la sagrada cátedra el notable orador P. Gaite, que pronunció tres sermones de gran provecho espiritual"
Pois ben, Friol non queda á marxe desta práctica e así vemos no Boletín do Bispado de Lugo de 21 de maio de 1900 na epígrafe “Cultos en las parroquias” ( pax, 224) como Fernando Piñeiro, cura párroco de Ousá e Cotá naqueles tempos, indica no seu informe que "se han hecho los ejercicios preceptuados por el señor Obispo". (...) "El 25, 26 y 27 de febrero ( domingo, luns e martes de Entroido) tuvimos el triduo con la estación de desagravios, plática y Santo Rosario..."
Só temos esta referencia destas dúas igrexas friolesas pero de seguro era común, se non en todas, na maioría.
Na actualidade mantense o rito da imposición da cinza.
Aínda que non en todos os lugares, hoxe celébrase tamén o profano Enterro da sardiña no que hai coplas, críticas, ladaíñas, ferretes, plañideiras, e desde logo enterro que con gran dor dos asistentes informa que o Entroido rematou ou case.
Certo que dependendo dos lugares o ciclo de Entroido xa se pechou onte coa queima do Meco ou prolóngase ata o vindeiro domingo.
Fotografías
A primeira pertence ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo e obtivémola do muro do facebook " Ollar Galicia. Fotografía antiga"
A segunda é extraída do muro O parladoiro de Friol e reflicte a queima do meco do CPI Dr L. Súarez.
0 comments:
Publicar un comentario