05 marzo 2010

Xesús Rodríguez Corredoira

Tiñamos coñecemento da relación de Xesús Corredoira con Friol e da existencia , en tempos, dun cadro deste xenial artista doado ao concello que, segundo parece, estragouse por mor da auga ( non sabemos se foi algunha desas fugas ou goteiras que producen estas malas xogadas). O que si sabemos é que se lle perdeu o rastro.
Este pintor nado en Lugo a finais do s.XIX, ten as súas orixes neste concello friolés, ao que nalgún tempo visitaba con certa frecuencia. Fóra o seu avó o primeiro en poñer casa en Lugo, na Praza de Santo Domingo – vivenda na que para algúns naceu o artista que nos ocupa--.
Na entrada correspondente da Gran Enciclopedia Galega vén un amplo traballo sobre a vida e obra do pintor; podemos completar o seu coñecemento lendo a Isabel Chousa,en Fillos de Lugo: Xesús Corredoira, editado por “El Progreso” e mesmo visitar a sala que o Museo de Lugo ten dedicada a este pintor e recreármonos coa beleza e o misterio co que se atopan impregnadas as súas obras.
Seguindo a D. Ánxel Fole, que viviu unha tempada no domicilio familiar do pintor no Carril dos Loureiros – cando esa zona de Lugo aínda estaba sen urbanizar -- podemos dicir que Corredoira ” pintaba o silencio,… que o seu pincel reflectía unha Galicia antiga , misteriosa, lendaria , moi achegada á das Sonatas e das Comedias Bárbaras do ilustre Valle Inclán”.( El Progreso , 19 de xaneiro de 1.960 )
A nosa mirada á obra de Corredoira permítenos contemplala como unha mestura equilibrada da pintura de figuras alongadas do Greco, e a luz que imprimía aos cadros Sorolla.
De este, foi discípulo na súa época de “bo vivant” no Madrid de principios do XX. Contan –destacando as aptitudes de Corredoira—que o mestre nunha ocasión que non estaba o discípulo no estudo, ao contemplar o traballo no que estaba ocupado o lucense, indicoulles aos outros alumnos que cando volvese á sala en sinal de recoñecemento berrasen á unha : Viva Galicia! .
De volta a Lugo dá un xiro radical á súa vida sendo fiel representante do desacougo dunha clase social – a pequena fidalguía – nun mundo que, a poucos, ía perdendo influencia . A súa familia, de claras convicións carlistas, sería o viveiro ideolóxico deste gran pintor.
A súa obra está espallada por diferentes museos europeos e americanos . Como xa dixemos, no museo de Lugo hai unha interesante colección. De todas formas moita da súa obra foi queimada polo propio autor un ano antes de morrer.
Falece en Santiago ( 1.939) e os seus restos son levados a Lugo onde se celebra o seu enterro presidido, entre outros, polo pai doutro pintor do que xa falamos noutra entrada – Labajjo
Á dereita reproducimos o cadro "Fame en Lugo". Á esquerda un autorretrato.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.