15 maio 2010

Prado de Abaixo

O outro día achegámonos ata Prado de Abaixo para fotografar algunha das vivendas e as súas construcións adxectivas que alí hai. Paga a pena a visita e gozar do que é un coidado equilibrio entre a funcionalidade e o respecto ao medio.
Demos co Sr. Eliseo (Espiñeira? cremos entender), home de 85 anos, que nos contou como a súa dedicación principal foi a de fragueiro –facedor ou construtor de carros
Aínda que non lle gustaba moito “ eu prefería ir coas vacas”, o seu cuñado meteuno nun oficio , do que fala co orgullo de saber que o seu labor era traballo ben feito. “ Aínda hai pouco fixen un “ referíndose a un encargo da Coruña ,que máis ben pinta como elemento decorativo.
De boa madeira,“ eu emprego sempre carballo, a cerna” fungueiros, chedeiro, as treitoiras,… o cabezallo, o eixe , a camba, tódolos elementos que ensamblados constituían esa ferramenta que mesmo servía como medida de capacidade, cando o carro era o señor destas terras.
Preocupado pola súa saúde, marchaba cara a casa dun veciño tomar un café ensumido nas súas preocupacións… que se o leite, que as pensións, “a necesidade da manteiga para que atendan ben a un". Nós aproveitamos e tirámoslle unha foto ao carro que na palleira descansa despois de carrexar , con seguridade, herba, patacas, millo, toxos,… e agora observa, agochado, que o seu tempo xa pasou e que se non ten a sorte de que alguén mire por el, non ha tardar moito en ter un final non precisamente feliz. 

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.