02 novembro 2010

360 graos

A orixe dos nosos visitantes
Rematamos un xiro completo. Iniciamos a andaina en setembro de 2008, e con esta entrada facemos o número 360. Nelas tratamos de expoñer os diferentes perfís que conforman o noso concello.
Coincide esta, cunha valoración sobre a entrada do vídeo que sobre o programa que "Vivir cada Día ", dedicou a Friol alá polo ano 1979.
Dada a audiencia que acadou este vídeo - houbo momentos que superamos as 130 visitas no momento, cousa que nunca ocorrera anteriormente-- esperamos que á auga volvese á nai, e despois dos cincuenta comentarios deixados polos nosos visitantes, queremos facer un par de reflexións a modo de "despedida e peche" -- como facía a televisión por aquelas datas ao final da programación diaria--.
Por unha parte agradecer tanta visita e felicitármonos pola audiencia acadada. Ao mesmo tempo, agradecer a todos aqueles que vendo de interese a entrada enlazáronnos, facendo uso das boas prácticas que deben regular a praxe diaria na rede. ( Certo é, que algúns "copian e non citan", e isto xera situacións valleinclanescas, como a que vivimos nós cando chegaron a negarnos a autoría da entrada...). Pero como dicimos: Alá cada quen coa súa conciencia. Publicamos baixo unha licenza Creative Comons, e respectamos en todo momento os dereitos dos demais. Só queremos, como indica un "banner" da nosa páxina que "se copias cita", nada máis.
Por outro lado gustaríanos facer unha contextualización do programa que, se para a maioría non é necesario, se callar aclara unha situación bastante frecuente nas escolas de fins dos setenta.: Efectivamente estamos comezando a saída dunha férrea ditadura. Non hai un ano que fora aprobada a Constitución democrática ( decembro 1978), aquí careciamos de normas propias, o Estatuto de Galicia aínda tardaría un tempo. Iso no relacionado coas normas que organizan á sociedade. Sabemos que esta, xeralmente, vai a remolque sobre todo no que ten que ver cos dereitos das minorías  - a día de hoxe, trinta anos despois ,temos exemplos na vida diaria que así o testemuñan--.
De Pepita Regueiro, non fai falta que digamos nada que non se saiba, só deixar este enlace que subscribimos ao cen por cen e que define perfectamente o perfil deste mestra incombustible e loitadora polos dereitos da nosa lingua.
Se acaso, habería que reflexionar sobre o pouco interese da TV pública -daqueles momentos--(como ben di unha nosa compañeira) por respectar os nosos dereitos lingüísticos, pero repetimos, non debemos esquecer a contextualización. Aínda teriamos que pasar polo intento de golpe de estado do 1981.
Aquela escola que aparece nas imaxes, onde, polo xeral, zumega o nacional-catolicismo, deu paso ,co devir dos anos, a unha institución desde a que a día de hoxe mantemos este blog, que podémosvos asegurar está ben distante dese pousos.
Xa para rematar estes 360º, agradecer a todas as  persoas que se achegaron a "Algo máis que pan e queixo" e que navegaron pola nosa páxina. A día de hoxe superamos os 640.000 clics. Como non temos avoa, podemos dicir e dicimos que non está nada mal !.
Continuamos. 

3 comentarios:

Anónimo

Nnn entendo ben esta entrada, quere dicir que xa non seguiredes???

Eu leoa cada dia!

Considero esta paxina como o primeiro expoñente da cultura de Friol e un luxo, esto digoo moi en serio.

Por favor continuade!

Manolo Quiroga Teixeiro
Gotemburgo
Suecia

J.Mª Carricoba

Ao final da entrada poñemos: "Continuamos."
Niso estamos, en seguir.
Un saúdo

Mª José

J.Mª me alegro por esos 360º . Felicidades por el nº de comentarios y visitas , claro que sí ! y a veces es bueno no tener abuela . Os lo mereceis . Buen trabajo a continuar así.

Un abrazo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.