19 novembro 2010

Canción das mozas de Carlín.

Nesta ocasión recuperamos esta cantiga da man de J. Antonio Fidalgo Santamarina no seu libro xa citado "Antropología de una parroquia rural". O propio Fidalgo Santamarina comenta como o propio trasmonteño compoñedor desta cantiga non tivo reparo algún en citar na composición ás súas coñecidas das que dá boa serie de detalles para seren identificadas.Digamos que a rivalidade, a falta de resposta concesiva ou simplemente ese machismo inveterado plurisecular que aínda hoxe percorre as veas dun amplo sector da nosa comunidade, dá orixe a unha composición que seguro tivo éxito no seu momento entre a rapazada da parroquia. Estas cantigas son socioloxía pura, etnografía no seu estado máis ancestral. Queda moito camiño que percorrer.Nós só incorporamos estas composicións como referente cultural que definen o perfil dunha terra que é a nosa. Di así:

Imos dar principio á historia
das rapazas de Carlín
o día que se inventou
houbo gaita e mais violín.
Subindo pola Devesa
e chegando a cas Mingacho
atopamos tres rapazas
que xa che fan un bo fato.
Empecemos pola Carme
porque ela é a maior
antes era a máis formal
agora xa é a peor
Falemos xa da irmá
que lle chaman Anxelita
é un pouquiño máis alta
por ter pernas de cabrita
Xa chegamos á máis nova
chamada Presentación
ten unha lingua tan longa
que atesta a un batallón
Imos, seguindo coa historia,
na casa do Morandeira
alí hai tres rapaciñas
que as tres fan boa feira.
Falaremos da máis vella
que é o sargento da tropa
nunca quere o viño en vaso,
haillo que servir en copa.
Seguiremos coa súa irmá
a que foi cortar o pelo
por crer que ao telo cortado
íase casar máis cedo.
Falaremos doutra irmá
que lle chaman Asunción
se lle falaran os mozos
ela non diría que non.
Vamos seguindo coa historia
ata a casa do Castelo
alí hai unha Perfecta
que lle compraron un velo.
Seguimon con esta historia
a falar da cas da Igrexa
alí hai unha rapaza
que parece unha marquesa;
eu, de noxo non a quero
comendo comigo á mesa.
Aquí termina esta historia
das rapazas de Carlín
o día que se inventou
houbo gaita e mais violín.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.