21/11/10

Un Xuízo de Deus en Madelos no século X

Eran frecuentes, na Alta Idade Media os conflitos entre señores, entre estes e os eclesiásticos e entre os propios eclesiásticos; fundamentalmente por cuestións de xurisdicións que levaban canda si a percepción dos  tributos correspondentes.
Segundo o medievalista, xa falecido, Rubén García Álvarez, rematando o século X (concretamente nos meses de marzo a xullo do ano 997) os bispos de Lugo: D. Pelaio e o de Santiago: D. Pedro de Mezonzo ,sostiveron un preito por mor duns tributos que os veciños de S. Pedro de Présaras aboaban ao Mosteiro de Sobrado. Mantiña o bispo de Lugo que eses tributos correspondíanlle ao seu señorío, mentres que o de Mezonzo afirmaba que os veciños obraban conforme ao establecido.
Na primeira xuntanza episcopal  --en Présaras-- non chegaron a acordo ningún, polo que decidiron mandar facer o que hoxe chamariamos "estudo de campo".
A segunda xuntanza --e esta é a razón de que apareza relatado este feito no noso blog-- celebrouse "in territorio Nallare, uilla Gudini et ecclesie Sancti Iuliani". Nela os encargados do 'estudo' ( representantes dos dous bispados) testemuñaron,  previa sondaxe aos veciños, que estes confirmaban a versión de Pedro de Mezonzo de que fora o rei Ordoño o que concedera ditos tributos ao mosteiro citado.
Non conforme D. Pelaio --hai que dicir que Pedro de Mezonzo antes de ser bispo fora abade de Sobrado-- apelou á proba do lume ("pena caldaria") e acordaron celebrala  "in ecclesia uocabulo Sante Eulalie, ripa Nallare,ubi Romarigus abba quiescit".
Foi un monxe de Sobrado -- Salamiro- o encargado de sufrir a proba, consistente en sacar dez pedras --sen queimarse- da auga fervendo, para así contrastar a súa inocencia e veracidade do Xuízo de Deus. Saíndo ileso da proba, o bispo de Lugo recoñeceu e aceptou a sentencia divina.
Seguindo a Nicandro Ares no seu traballo publicado polo Boletín do Museo do Arquivo Histórico da Coruña, Brigantium(1982): "Roimil, punto de litigio histórico y lingüístico",(pax.243-248)a análise dos documentos que reflicten o narrado, inclínano a pensar que a segunda xuntanza celebrouse en Gudín e na igrexa de S Xiao de Roimil, e a definitiva "proba caldaria" sería realizada na igrexa de Santalla de Madelos.
Nós achegámonos á igrexa de Madelos, por ver se quedaban pegadas do enterramento do abade citado --Romarigus-- pero o paso dos anos e as múltiples reformas nesta igrexa parroquial, borraron calquera pista do citado enterramento. Unha mágoa!.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.