02/12/10

Toponimia de Santalla de Madelos

Santalla de Madelos, freguesía á que fixemos referencia na entrada anterior, aparece xa citada en documentos medievais de fins do s.X. como "regalengo de Manadelos" e "Maladelus", e xa no s.XIII como "Sancte Eolalie de Maadelos" que así aparece citada nos Tombos do Mosteiro de Sobrado. Nicandro Ares indica que a orixe de Madelos viría do diminutivo Manatellus, do antropónimo Manatius, ou ben relacionado con Malada --criado--.
Dos lugares desta parroquia citaremos A Vila Grande e A Vila Pequena, ámbalas dúas do latín "villa" coa referencia engadida ao tamaño ou á importancia das mesmas. O Cotón, tería unha posible orixe prerromana *cott -pico, altura- (seguindo a Cabeza Quiles). As Penas,non necesita explicación e Córneas, procedería do precéltico *corn -pedra ou duro-, aínda que Nicandro Ares, fala da posibilidade de que sexa o patronímico Cornius a orixe do citado topónimo.
Santalla, como xa indicamos, é unha evolución da Sancte Eolalia ( A ben falada). A parroquia da Devesa, tamén no noso concello está baixo a mesma  advocación .Santoalla (no veciño Guntín de Pallares) e Santa Baia ou Santabaia son outras solucións que aparecen na xeografía galega como evolución do nome desta mártir do s. IV.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.