S. Martiño de Bra, parroquia que na actualidade conta con 34 habitantes, debe o seu nome haxiográfico a un San Martiño --derivación do Martis (Marte) romano--. Bra parece ser a evolución ben de Varae, Bera ou Berane, antropónimo de difusa orixe que --segundo Nicandro Ares-- aparece citado en documentos da catedral de Lugo do s.XIII.
A Cafúa --lugar do que xa falamos--, sería inicialmente unha construción "choza formada de torróns e cuberta de palla"( X.L. Franco Grande: Dic. Galego-Castelán). Os Campos e A Camposa teñen a mesma orixe en "campus" que no segundo caso referencia a un campo grande.
No caso da parroquia da Santa Cruz de Serén, son 26 os veciños e tres os pequenos núcleos de poboación: A Ferreira xa visto cando falamos da toponimia de Anxeriz, A Casanova que é nidio e Serén que sería --permítasenos a aliteración-- a propiedade dun Serenus ou Serenis -antropónimo latino--.
A Rocha ( 98 habitantes) topónimo nidio ten como advocación a S. Cosmede. O Alto "altus" latino, é un orónimo, de feito está nun lugar elevado da parroquia. O Carregal podería ser un fitónimo: abundancial de carregas-plantas gramíneas--.( A Lagoa do Carregal no Parque das Dunas de Corrubedo así parece testemuñalo) pero nos nos dicionarios consultados aparece coa significación de estrada, ou precisariamos nós, lugar de paso de carros, carreiro, ou camiño de carros. En calquera caso é un lugar con historia, do que xa falamos.
Da Casanova nada hai que dicir, A Regüela -hoxe con importantes instalacións dedicadas ao turismo rural-- parece vir dun "Villa Regulella" - con documentación no s.X) , o topónimo en sí faría referencia a unha pequena "regula": regra.Desta parroquia queda un topónimo, Malpica, de orixe escura e no que, a día de hoxe, non se dan posto de acordo os especialistas adicados ao estudo da toponimia. Hai quen fai mención á altura ou pico, e outros que fan referencia a unha planta ( Achyranthes aspera ). O que si é certo é que hai outra Malpica (de Bergantiños)en Galicia e na península algún máis.
0 comments:
Publicar un comentario