07 febreiro 2014

Máis avistamentos no ceo friolés: 1954

Tempo atrás publicamos unha entrada sobre o avistamento de un OVNI, alá polo ano 1996, no concello friolés; concretamente na parroquia de Vilalvite. Hoxe continuamos con esta achega bastante anterior no tempo.
Remataba o ano 1954 e finalizaba con el o Ano Mariano instituído por Pío XII  na encíclica Fulgens Corona que determinaba o ano que nos ocupa como Ano Mariano Universal, conmemorando o Centenario da definición dogmática da Inmaculada Concepción (xa falamos desta celebración nestoutra entrada). Os xornais europeos, españois e locais empezaron a facerse eco de diferentes avistamentos en sitios tan distantes e distintos como Arxentina, Francia,...e por suposto España. Galicia non quedou á marxe deste fenómeno mediático --diriamos hoxe-- e así a prensa recolle avistamentos preto da Coruña e no concello lugués de Becerreá, por exemplo.
Friol no quedou á marxe e así na tarde-noite do 26 de novembro dese ano (noticia recollida por El Progreso e mesmo aparecida tamén no diario ABC, na súa edición de Sevilla, e La Vanguardia, de Barcelona, tres viaxeiros que volvían de regreso á capital luguesa avistaron, a uns cinco quilómetros de Friol, un "platillo volante" que a gran velocidade se desprazaba en dirección Norte-Sur.
Os tres, desprazábanse nun coche oficial da "Jefatura Provincial del Movimiento", concretamente un Fiat Balilla ( interesante e instrutiva a lectura explicativa sobre o nome do vehículo) e puideron observar como o artefacto deixaba ao seu paso un rastro de luz  "intensamente rojo". 
Os protagonistas, aínda que falaban de "platillo volante", matizaban a forma do mesmo que, segundo lles parecía, tiña máis  ben forma de "cigarro puro muy grueso" ( apreciación xa recollida en anteriores novas sobre anteriores avistamentos).
Os feitos producíronse sobre as oito da noite --falamos de novembro-- e o avistamento realizouse con perfecta nitidez a pesar de "la mucha nubosidad que existía como consecuencia del régimen de lluvias" que levaba sufrindo a provincia naquelasa datas.Os ocupantes do vehículo fixeron o final do traxecto co nerviosismo lóxico despois de tal encontro.
Os viaxeiros non eran outros que o Sr. Tomé -chofer da citada Jefatura-, o axente comercial D. Manuel Naveira e o oficial maior do citado organismo, D. Alfredo Mosteirín Valiño ( pai de D. Alfredo Mosteirín Castañer, que foi presidente durante bastante tempo da Cámara de Comercio de Lugo ata o seu falecemento producido a fins de outubro do 2010).
Desde a propia capital da provincia tamén se recolle que algúns veciños que paseaban a esas horas polos Cantóns, tamén observaron dito fenómeno.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.