18 xullo 2023

Abalando a abeleira

 

Retomamos puntualmente a actividade do blog para dar conta da Xira galega de contadoras de historias que baixo a epígrafe "Cóntame un mundo"  percorren diferentes concellos de Galicia recuperando historias e tradicións, poñendo en valor a trasmisión oral e facendo partícipe a toda a veciñanza (do concello correspondente) na procura, achega e exposición deste traballo colectivo que tenta pór en valor o noso patrimonio inmaterial.

Somos o que nos contan e o que contamos, non hai outra!. E con esta premisa achéganse esta semana a Friol,  Raquel Queizás e Alba Grande

Contadoras, titiriteiras, monicrequeiras, cantareiras, teatreiras... fannos lembrar estas dúas mulleres aquela cantiga popular: 

Sei cantar e sei bailar
eu de todo sei facer; 
como son filla dun pobre 
todo me cómpre saber.  

Coa súa arte e paixón polo seu traballo seguro conseguen o obxectivo de abalar as abeleiras para así entrelazar historias e poder facer un bo Roteiro da memoria pola vila friolesa.

Esperamos que a actividade sexa capaz de convocar a veciñanza como xa fixeron noutros concellos galegos estas últimas semanas. Polo interese das que argallan esta Xira seguro que si.

Xa andaron procurando información, removendo arquivos e desempoando memorias, previamente a súa chegada ao concello friolés. Só lles quedan as xuntanzas que seguen un calendario por elas establecido e, como dicimos, remata con ese roteiro que no caso de Friol, desenvolverase este próximo sábado día 22.

Sorte!

E desexar que o próximo vinte e catro sigamos no vinte e tres!.

  

 

1 comentarios:

Petapeta

Na imaxe da dereita tense acceso ao calendario das actividades

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.