Concha Blanco, coñecida dinamizadora de todo canto teña que ver co "facer país" no noso concello, activa e comprometida gandeira que xestiona a "Casa Bértolo S. C.", impulsora de diferentes asociacións,... non necesita presentación ningunha. Pero ao antedito, haille que engadir que tamén é unha fina estilista da palabra. Por sorte, demos coa súa produción literaria e, a verdade, é que a lectura dos seus textos non deixa indiferente a quen os le.Os seus versos destilan a preocupación de quen sente a terra como algo máis que a sinxela mantedora do noso ser. Transcende e vai máis alá e, ao tempo, vindica un futuro ben distinto a este opaco presente.
Como imos celebrar o "
Día da Muller Traballadora" --aínda que esta celebración deba ser permanete-- é un bo momento para publicar uns seus versos que baixo o título de "
Como oubear á lúa" aparecen publicados na revista "
O Poxigo"
Vivo por riba das posibilidades todas
porque agardo das nubes
e dos regos de auga
e do mar e das estrelas
e da terra que se queda
que fica;
porque agardo que outros soñen
e me deriven posibilidades
aínda inimaxinables,
soños aínda virxes
como o meu soño de soñar.
0 comments:
Publicar un comentario