06/03/12

Xerardo Quintiá: Hotel Cidade Sur

A Editorial Galaxia, vén de publicar o mes pasado, un novo libro de relatos do autor friolés Xerardo Quintiá: "Hotel Cidade Sur". con esta publicación retorna á narrativa, logo do seu "Fornelos&Fornelos" co que acadou, o pasado ano, o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola Agrupación Cultural Ergueitos e o Concello de Sarria.
Se o poemario reflicte unha permanente nostalxia dunha infancia perdida que lle serve de eixe para a súa creación literaria, neste libro de relatos recóllense, oito historias que teñen como elemento aglutinador a súa relación co Hotel Cidade Sur.
Non é difícil localizar o escenario dos oito relatos, nunha pequena cidade onde conflúe o rural e o urbano nun continuo difícil de desmestar. Relatos entrañables e sempre narrados por un perdedor ou "desubicado"personaxe que, ao tempo que relata o seu presente, volve --sempre--á infancia para tentar explicarse o que lle ocorre. Para o noso gusto, maxistrais o "Romeu & Xulieta" ou "The Poporrubio's Band" sen desmerecer por suposto os outros relatos.
Lecturas ambas que non deixan a ninguén indiferente, e que veñen a consolidar, se non o estaba xa, a un autor que desde o seu "Finísimo po nas ás" achega cunha prosa cargada de lirismo recreacións dun mundo que é o noso e que demostra que Friol, desde Fornelos, e moito máis que o pan e o queixo.
Realmente, temos un veciño, que cunha chea de publicacións tanto na literatura "adulta" como na "infantil" fíxose un oco no difícil mundo literario. Só queda felicitalo e esperar á súa, ben seguro, próxima publicación.

Nota: A fotografía foi feita na visita que o autor fixo en maio de 2011 ao CPI Dr. López Suárez.

Seguir lendo...

26/02/12

Toponimia da parroquia de Trasmonte

Baixo a advocación de Santiago, Trasmonte é unha parroquia encabezada por un "trans montem" latino que fai referencia á situación xeográfica da parroquia: tras dun monte.
Temos os seguintes topónimos:
A Rocha,aínda que de orixe incerta, atopamos o seu significado en calquera dicionario como "masa pétrea" ou penedo.
A Pena, do latín 'penna', non é máis cunha variante do anterior, en canto ao seu significado.
O Pazo
: Do 'palatiu' latino, casa señorial, que neste caso fai referencia ao xa comentado Pazo de Trasmonte.
A Devesa: seguindo a Ares Vázquez, sería unha derivación dunha "defensa" latina, aínda que poderiamos achegarlle o significado de " carballeira coutada onde pasta o gando".
O Estanque., inicialmente cunha orixe prerromana; do céltico '*ektankō' ou directamente do latino '*extancāre' que sería, é, un depósito de auga.
Vilarmende e Vilariño son dous topónimos cun "villaris" na súa orixe. No primeiro caso un "villaris Menendi":Villar de Mendo, sendo este Mendo un antropónimo xermánico; e no segundo non sería máis que o 'villaris' diminutivizado.
A Bouzaboa e A Bouzaboa de Abaixo provirían do prerromano '*baltea/ *bautia' que vén sendo un terreo de monte con maleza. Ao segundo incorpóraselle a localización xeográfica a través do latino "bassu".
Os Mosqueiros, fai referencia a un lugar con herba alta para se amoscar o gando? ou simplemente ao abundancial de "musca" como lugar cheo deses insectos?. Semella ofrecer dúbidas.
O Curral deriva do latino "currale, currus' lugar para os carros.
O Fontao é o romance 'fontanum', fonte.
A Ramada, coa orixe latina 'ramata', conxunto de ramas.
A Calle tería a súa base no antropónimo latino Callius unha "(villa) Callii"? ou a súa orixe estaría no "callis" latino como camiño para o gando?. Indicar que hai máis lugares na xeografía galega con este nome.
E deixamos para o final A Muraza, topónimo aínda de orixe máis incerta que o anterior del di Ares Vázquez, "posiblemente aludiría á (nux) moracia, noz dura e difícil de escachar, ou tamén a unha muralla grande".

Seguir lendo...

23/02/12

Non por casualidade.

Sabemos que máis de un estabades impacientes pola resposta de “Friol: Algo máis que pan e queixo” aos comentarios achegados á entrada anterior. Os asiduos saben que nas entradas con moitos comentarios esperamos un tempo para , posteriormente, facer unha especie de reflexión que sirva de peche pola nosa parte.
Estes días pasados estabamos en tempo de Entroido e decidimos esperar á época coresmal para publicar o que a continuación manifestamos.
Antes de nada, aclarar que esta bitácora é unha páxina creada por dous profesores do centro escolar friolés. Nas diferentes presentacións públicas que se fixeron deste blog, como nas referencias que nos diferentes medios de comunicación apareceron sobre “Friol: Algo máis que pan e queixo”, e na propia “sidebar” do mesmo , así queda indicado. Queremos, polo tanto, informar que non é páxina oficial da escola, nin actúa de portavoz de ninguén máis que dos dous compañeiros que asinamos as entradas.
Facemos esta precisión, por algúns comentarios ao fío de “Bendita casualidade!” e que, polo seu contido, cremos que erraron o destinatario. Os centros escolares, como ben sabedes, teñen unha normativa legal que rexe o seu funcionamento e establece o camiño para aclarar dúbidas e mesmo, se é o caso, recibir queixas.
Nin compartimos nin entendemos os silencios, mellor dito: a falta de resposta a algúns comentarios que levan nome e apelido e que porén ninguén respondeu ( agás se fixese dende o anonimato, o que nós non entendemos como resposta). Non é o único silencio, pero si o máis significativo.
Na entrada que comentamos facíamos referencia á “casual caída” da pancarta reivindicativa, porque previamente solicitamos –e así consta—aclaracións ao que, hoxe entendemos, foi unha vergoñosa retirada.
Os datos que manexamos foron proporcionados pola dirección do centro. Como máxima responsable do mesmo, non tiñamos por que dubidar da súa palabra.
Quen se dea por aludido na entrada que nos ocupa, xa non é problema noso. Nós somos responsables do que escribimos non do que cadaquén le. Temos máis de catrocentas entradas que avalan o que dicimos. Aínda máis: cando ‘metemos a zoca’ –somos humanos e a perfección só é cousa dos omniscientes—non temos reparo algún en recoñecelo publicamente. E isto sábeno ben os que nos len habitualmente. Traballar coa oralidade –un dos eixos deste caderno-- ás veces produce erros asumibles que á vez actúan, para nós, como verdadeiros dinamizadores.
As cousas son como son. A realidade é a que é. Nós denunciamos un feito sen precedentes. Independentemente da postura claustral, cremos que os feitos esixirían dimisións. Quen non asumen as súas responsabilidades teñen a saída decorosa da renuncia.
Cremos que habería que ir máis aló, dar un paso á fronte, e preguntármonos se non existe a posibilidade de elaborar unha proposta de centro ‘real’ e comprometida coa defensa dun ensino público de calidade.
Xa para non estendérmonos, aclarar que esta entrada, a pesar de que algúns comentan que foi a máis visitada e comentada, non é tal: Podedes comprobalo vós mesmos: os blogs son completamente transparentes.
Felicitármonos pola cantidade de visitas e comentarios achegados –independentemente do seu ton ou contido-, pois somos conscientes que o fío que comentamos deu pé a que esta páxina fose visitada por vez primeira por máis de un; visitas que nalgún caso quedaron na propia entrada, pero que en moitos outros foi aproveitada para coñecer máis polo miúdo o que este blog ofrece.

Seguir lendo...

06/02/12

Bendita casualidade !

Dicía Jacques Lacan que "a casualidade é o encontro co real". É ben certo.
Xa hai tempo tiña que estar escrita esta reflexión, pero diferentes cuestións fórona adiando ata chegármonos ao día de hoxe, no que, froito da casualidade, poñémonos á tarefa.
Na fotografía que ilustra esta entrada, vese a pancarta que tras ser aprobada --a súa colocación-- democraticamente no Claustro do CPI Dr. López Suárez, decidiuse colgar como apoio e reivindicación dun ensino público de calidade, o que, evidentemente, é contraposto aos recortes que dende a Consellería de Educación se levan facendo desde finais do pasado curso.
Desde logo as condicións obxectivas que orixinaron a colocación da mesma non variaron, polo que a súa vixencia nin caducou nin esixe retirada ningunha.
Que estamos en contra de todo tipo de recortes que signifiquen mingua na calidade do ensino público, non debería estrañar a ninguén e, aínda máis, debía ser na práctica, paradigma para os docentes implicados na formación das xeracións vindeiras; en última instancia o futuro dun país.
Ben é certo que non todos temos por que pensar así, e seguramente a máis de un próenlle os ollos ao ver algo que 'afea' a idílica imaxe do noso concello.
A casualidade fixo que a pancarta caese poucas horas antes de que a comitiva de altas xerarquías, presentes no funeral do pasado sábado, pasasen por diante da fachada do centro, e así tivesen que ler a proclama contra os recortes. Unha verdadeira mágoa !.
De todos os xeitos haberá que pensar en colocala con maior seguridade para que en futuras ocasións aguante mellor a presión de visitantes tan ilustres.
Deixamos este enlace como testemuña da citada caída e como a fachada non se ve afeada por consigna ningunha

Seguir lendo...

04/02/12

John Thompson en Friol

O pasado venres, 27 de xaneiro, achegouse ata Friol o investigador norteamericano, John Thompson, coa fin de procurar información sobre a actividade desenvolvida por este blog ao longo destes últimos anos...
Xa tiveramos a ocasión de establecer contacto con el, en maio de 2010, cando veu dar unha charla ao alumnado de secundaria sobre a "Memoria Histórica", visita da que demos conta no blog da biblioteca escolar. Este profesor, titular do Departamento de Linguas Modernas da Universidade de Montana, dedica parte do seu tempo á investigación sobre a incidencia ou plasmación da memoria histórica na narrativa galega do século XX; procura que reflectiu na súa publicación "As novelas da memoria. Trauma e representación da historia na Galiza contemporánea" publicada por Galaxia.
Nestes días percorre Galicia, facendo entrevistas ao profesorado de Educación Secundaria que, dentro da súa actividade docente, non esquece o relacionado coa Memoria Histórica (tema sobre o que segue investigando).
Nunha charla amena e distendida, tentamos explicar o que esta páxina significa para o Centro Escolar, para a Comunidade Educativa e para o conxunto do concello.
Ao tempo debullamos o que, aínda que colateralmente, imos atopando e publicando sobre a memoria da guerra, tema que por estas terras aínda semella ser un tabú difícil de esquecer.
Esperando o seguro bo resultado do traballo que anda deseñando, dámoslle as grazas por se lembrar de nós e , ao tempo, felicitalo por un traballo que, curiosamente, está impulsado desde (xeograficamente) lonxe, o que demostra un agarimo especial por unha cultura minoritaria como a nosa.

Seguir lendo...

02/02/12

Loito en Friol

Hoxe, a primeiras horas da tarde, apareceu o corpo sen vida do axente friolés destinado na Coruña, José Antonio Villamor, falecido o pasado venres cando axudaba nos labores de salvamento duns mozos que de xeito imprudente quixeran xogar co mar.
Tristemente, os feitos remataron coa perda de un dos mozos, e tres membros dos corpos de seguridade que quizás non valorando o perigoso da situación --ou si-- e con escasos medios, dispuxéronse a xogarse a vida nun acto de alto grado de solidariedade, de nefastas consecuencias.
Unha vez máis, a desgraza azouta aos fillos deste concello que procuran un futuro fóra da súa casa. Unímonos á dor da familia e en especial lembramos, nestes momentos, ao irmán menor do falecido, que non hai moito se formaba no noso centro.
Dicir que o Concello decretou tres días de loito e que o enterro será o próximo sábado día catro.

Seguir lendo...

31/01/12

Romance parrafeado

Na revista "Lume Novo", publicación do noso centro, e concretamente no número 6 editado en maio de 1987, o que posteriormente ocupou a conserxería do colexio e na actualidade forma parte da "plantilla" de laborais do concello de Friol, Carlos Sánchez Pazos --daquela un rapazolo do antigo 7º de EXB-- recolleu na súa casa de boca do pai --tristemente falecido-- este romance parrafeado.
Outra versión do mesmo romance é cantada polo músico Pancho Álvarez no seu disco "Florencio, o cego dos Vilares".
Nós, despois de termos falado co citado Carlos, achegamos esta versión recollida na Laxe (O Carballo) :

"--Boas tardes Maruxiña,
vouche dicir unha cousa:
Se ti me queres a min,
eu non me caso con outra.
--Que te quero ben o sabes,
non fai falta preguntar;
hai un ano que che dixen
que me eu quería casar.
--Ti tomaralo de risa,
pero eu digocho de veras,
ando pra casarme agora,
non encontro quen me queira.
--Se non encontras con quen
será porque serás malo,
ou porque che teñen medo
que non cumpras co traballo.
--Eu por malo non me teño,
só será por folgazán,
que todas as mozas din
que eu son un grande larchán.
--Se o dicen non se engañan
que pareces un babullas
porque te ofreces con todas
e non cumpres con ningunha.
--Todo iso é boa mentira.
Só é por pasar o tempo,
que ti es a preferida
que teño no pensamento.
--Pois non me veñas con contos
que eu xa non che fago caso,
que eu son unha coma as outras
para facerme outro tanto.
--Non desconfíes de min
que eu contigo hei ser formal,
dáme un biquiño de amor
e non me fagas rabear.
--Agora queres un bico,
despois queres un abrazo
e así pouquiño a pouco
vas entrando no palacio.
Teño o xuramento feito,
mentres estea solteira:
Nin ti nin ningún lambón,
ha verme a chocolateira.
--Pois eu teño que cha ver,
senón non caso contigo,
que tamén podes levar
algún defecto escondido.
--Vaite de aí gran lambón
boca de cadelo mouro,
que xa non te quero ver
anque te cubran de ouro.
--Pois eu tampouco te quero,
ollos de gata mamada,
que te tes por boa moza
e pra min non vales nada"

Seguir lendo...

22/01/12

A curación das bélidas.

As belidas ou 'bélidas' é o nome que popularmente se lle dá ao leucoma da córnea ao se producir a opacidade desta. Como consecuencia da úlcera que se orixina, a agudeza visual de quen a sofre vese bastante afectada.
A medicina popular aconsellaba practicar este remedio que recolleu Fidalgo Santamarina no traballo, que xa temos mencionado noutras entradas, sobre a parroquia de Trasmonte, Antropología de una parroquia rural:
Nun vaso con auga , bótanse tres grans de trigo. Cos dedos índice e polgar cóllese un deles e fanse tres cruces contra o ollo ao tempo que se reza esta oración:
Enlace
"Nuestra Señora la Virgen María
tres libritos en la mano tenía:
Con uno leía
con otro rezaba
con otro bélidiñas dos ollos quitaba.
Por el poder de Dios y de la Virgen María,
un padrenuestro y un avemaría".
Isto había que repetilo tres veces, metendo ao finalizar o gran noutro vaso con auga.
Había que facelo tres días seguidos ( cada día co seu gran) e ao final os grans acaban botando un "ollo branco", producido pola humidade. É nese momento cando se lle van as bélidas do ollo do enfermo.
Curacións semellantes recóllense nos libros Supersticiones de Galicia de J. Rodríguez e La medicina popular en Galicia de V. Lis Quibén.

Seguir lendo...

13/01/12

Toponimia de S Xiao de Carballo

Na parroquia de S. Xiao do Carballo (178 habitantes no censo do 2010) atopámonos cos seguintes topónimos:
Cunha orixe xermánica produto da evolución dun antropónimo visigodo teriamos Guntín e Froxelle. O primeiro sería dun posuidor Guntinus, villa Guntini; neste lugar hai un castro protohistórico no lugar coñecido precisamente como Chousa do Castro. O segundo tería en Frogildus a súa orixe ou, segundo indica Ares Vázquez como posibilidade, "procedería do feminino Frogildi/Frugilli".
Como fitotopónimos atopamos en primeiro lugar o que dá nome á parroquia: Carballo, sería a voz prerromana *carb --planta nacida entre as pedras-- a que dá orixe ao quercus robur e posteriormente ao carballo que neste caso, como en moitos máis espallados por Galicia adquire a condición de topónimo.
A Gándara coa orixe prerromana "ganda"( pedregal) que lle daría inicialmente o significado de terreo pedregoso qeu, seguindo aquí a Cabeza Quiles, non está reñido coas súas condicións de terreo inculto" asolagado -segundo os dicionarios e cheo de maleza -engadimos nós- que é a razón de enmarcalo aquí.
A Fraga, con inicio no latín "frangere"--romper, quebrar, viría dun fragum ( lugar escarpado e con maleza), aínda que nos dicionarios tamén se recolle o significado que para nós adquire a fraga: extensión de monte, abrupto, poboado de árbores de folla caduca.
O último sería A Pereira que tería a súa orixe no latino "pirarium", horto destas árbores ben coñecidas e de saboroso froito. Porén, hai quen o sitúa como un orónimo por considerar que fai referencia a un sitio elevado.
Como orónimos nidios temos : Paredes, As Penelas e A Laxe , sendo "parietis", o plural de "penna" diminutivizado e do prerromano " lagina" -pedra lisa- as orixes respectivas destes lugares.
A Cortella " curticulum" --diminutivo de "cortis" --corte-- e Currás plural de "currale" son dous toponimos relacionados con construcións humanas.
De Bernadal transcribimos literalmente o que di Ares Vázquez: " podería referirse a pastos vernales (de primavera) ou ós monxes bernardos de Sobrado qque tiveron aqui posesións e quizabes tamén vernas 'servos'; outra posibilidade sería *vernetale, derivado de vernetum, con base no celta (?) vernia/verna 'amieiro'"
A Freiría que tería a orixe no latino "frates"--freires, frades-- habitación de frades de Sobrado no seu momento?.
O Manxadoiro derivado do latino "manducare", lugar onde comía o gando?
De Barallobre ( aquí seguimos a Moralejo Lasso ) dicir que o primeiro elemento tería a súa orixe nun * varalia --seto vexetal-- ( que comparte co concello lugués de Baralla e co madrileño Barajas). O segundo elemento-obre, faríao derivar dun prelatino -brigo/briga ( altura, terreo elevado, mesmo castro).
E quédannos O Porto de Cas e O Albeiro dos que existe incerteza na súas orixes. No primeiro podería ser -- o que é evidente-- Porto de "portus" (paso) e Cas podería ser orixinado no antropónimo Canis. No caso de Albeiro podería facer referencia á brancura de albarius --albo- ou como di Ares Vázquez "como sobrenome persoal indicando o oficio de branqueador ou caleeiro".

Seguir lendo...

11/01/12

A memoria cantareira de Anxeriz

Xa fixemos mención noutras ocasións a Lola e Carmen Lage Morandeira - a primeira falecida en setembro pasado--. Estas dúas irmás da parroquia de Anxeriz , son,foron, un exemplo da memoria viva da tradición oral destas terras friolesas. Noutras entradas deixamos retallos da mesma.
Hoxe achegamos unha serie de romances, coplas e cancións, recollidos no seu día por esa parella incansable de recuperadores do noso cancioneiro que son Mini e Mero. Atopámolos --os cantares--na páxina que eles coordinan “O canto do pobo” e son os seguintes:
Copla de Entroido de Anxeriz , A máquina de mallar ,Cantar de Amelia , Cantar da guerra civil ,
Cantar do instrumento dos mouros, Cantar sobre dirixentes republicanos , Lola tiene un chiquillo
A través destes enlaces, poderedes ler os textos e escoitar a melodía, mesmo na maioría dos cantos aparece tamén a partitura.
A maiores, deixamos tamén outro enlace da mesma páxina, onde Alejandro Ramos, viúvo de Lola achega estoutro cantar.
Unha nai que abandona ao fillo
Curiosamente Lola e Alejandro, son os avós do concelleiro e deputado provincial, Álvaro Santos Ramos; mentres que Carmen é a súa tía.

Seguir lendo...

30/12/11

Deixounos J.A. Fidalgo Santamariña.

A casualidade fixo que estes días estivésemos relendo o traballo de J. Antonio Fidalgo Santamariña "Antropología de una parroquia rural",( investigación que tivo como base a parroquia de Trasmonte (Friol) e do que tiramos abondosa información neste blog,co que se doutorou na Universidade Pontificia de Salamanca e co que obtivo o premio Otero Pedrayo no ano 1984) e ao tempo soubésemos do pasamento do autor, producido o pasado día dezaoito, na cidade das Burgas, onde el residía e foi enterrado.
Nacido na parroquia de S. Xiao de Grixalba, do concello de Sobrado, no ano 1946, compartiu ao longo da súa vida docencia, no ámbito universitario, e investigación antropolóxica - a súa paixón-.
Foi vicepresidente e posteriormente presidente do Ateneo ourensán ata hai ben pouco.
Fidalgo Santamariña comezou a exercer a docencia en Ourense no curso 1975-76, no C. Universitario de Ourense. A Antropoloxía Social foi sempre a súa área de traballo, na que profundizou na Facultade de Educación, onde se xubilou hai algo máis dun ano.
Quédanos como legado as súas obras, aparte da citada, 'O Afiador', 'Os saberes tradicionais dos galegos ' e outras colaboracións en obras compartidas e cantidade de colaboracións xornalísticas ao redor da antropoloxía.
Santamariña fundou o Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social e pertencía á comisión de antropoloxía do Consello da Cultura Galega.
Para nós, un mestre do que aprendemos a través da súa palabra.

Seguir lendo...

23/12/11

Bo Nadal

Seguir lendo...

17/12/11

Éxito das Dindirindainas!

Que o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" vaise asentando é un feito. Aos poucos, sen montar moito balbordo, vai conseguindo, por unha parte, achegar máis público ás súas actuacións, e pola outra mellorar a posta en escena das representacións que monta.
Despois da sesión de onte para os compañeiros da ESO do CPI de Friol, que resultou altamente exitosa, hoxe repetiuse a montaxe para o público friolés que encheu máis da metade do Centro Socicultural; que en Friol, co día frío e desapacible que estaba, e con matanzas en moitos lugares, non é pouco.
As rapazas que participaron na terceira vegada de "Deixémonos de Dindirindainas!" fixérono, se cabe, aínda mellor ca en anos anteriores.
Desde aquí só nos queda felicitalas e animalas para a próxima montaxe que estrearán alá polo mes de maio.
Parabéns.
Para ver as fotos das dúas sesións premede aquí

Seguir lendo...

10/12/11

Deixémonos de Dindirindainas (III)

Achégase a posta en escea da montaxe que o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" do CPI Dr. López Suárez, presenta por estas datas.
"Deixémonos de dindirindainas" vai pola terceira entrega. Cun reducido e anovado plantel de rapazas, -os rapaces non se atreven a dar o paso e participar nas actividades teatrais-- enfrontamos o reto de manter o monólogo como elemento esencial da montaxe, na que introducimos algunha novidade que esperemos sexa do agrado dos espectadores.
O traballo foi moito e os nervios, a estas alturas, moitos. Só queda que o resultado sexa o esperado.
As sesións previstas son dúas:
Unha destinada ao alumnado da ESO:
Venres 16 ás 12.45 h.
A segunda aberta a todos e todas os que queiran asistir será o
Sábado 17 ás 17 h.
Ambas as dúas representacións, como ben indican os carteis, serán no Centro Sociocultural de Friol.
Esperámosvos !

Seguir lendo...

04/12/11

D. Vicente Devesa Jul (e V)

Nesta última entrada dedicada a Devesa Jul, faremos mención aos seus traballos publicados:
Xa comentamos os que publicou na revista da APLA " O Cortizo", a publicación do "Cancioneiro Galego" e a colaboración en "El Progreso" na que recrea a lenda da cova da Serpe.
Sabemos do seu traballo "La Alimentación humana y la nutrición, importancia de una dieta equilibrada" que foi editado pola Delegación Provincial do Ministerio de Cultura no ano 1980.
Por último facer referencia a un seu traballo baixo a epígrafe "La enseñanza y el agro"no que defende a necesaria participación da Escola na consecución dunha mellor capacitación profesional para poder desenvolver o agro galego, idea que proxectan os cursos agropecuarios e da necesidade dos hortos na escola para que que sirvan de inicio da citada capacitación. Este traballo foi publicado en cinco entregas dende o domingo 31 de outubro de 1965 ata o domingo 28 de novembro dese ano, no diario "El Progreso".
Ese mesmo ano foille concedida a Cruz ao Mérito Agrícola polo Ministerio de Agricultura.
Agradecemos a colaboración de Asunción Fernández Puentes (directora na actualidade do Colexio Fingoi e continuadora, a partir do 1984, do labor relacionado co horto escolar iniciado por Devesa) que nos facilitou abonda información tanto documental como gráfica sobre este mestre.
Grazas tamén a Higinio M.F. de la Vega, antigo alumno de D. Vicente alá polos anos corenta cando este deu clase na vila friolesa.
A fotografía que acompaña esta entrada correspóndese cunha das sesións dos cursos agropecuarios realizada en Trasmonte, nela podemos distinguir a D. Francisco Mouronte de quen temos pendente unha futura entrada.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul (IV)

D. Vicente Devesa foi tamén un home interesado pola etnografía e máis concretamente pola recuperación da mesma e a súa utilización na escola.
No ano 1967 publica no diario "El Progreso" unha interesante versión da coñecida Cova da Serpe que podemos ler nestoutra entrada do blog.
No 1972 publica un "Cancioneiro Galego" no que recolle corenta e dúas cantigas populares ( dende foliadas a panxoliñas ) recollidas, segundo el mesmo indica no prólogo da publicación, "no meio rural da provincia de Lugo, a través dos nenos da escola, polos mestres de primeiro insino que asistiron aos cursillos agropecuarios". Esta publicación do Centro de Estudos Fingoi era a continuación da publicación dirixida por D. Ricardo Carballo Calero "Contos populares da provincia de Lugo" publicada no ano 1963.
O seu interese pola súa terra natal déixase notar na celebración en terras friolesas de innumerables sesións dos cursos de formación agropecuaria nos anos sesenta. Sesións que tiñan o seu complemento ideal nas visitas organizadas á Torre de San Paio, daquela esquecida das administracións, pero aproveitada para visitas culturais nas que, ás veces, o noso colaborador Higinio M. F. de la Vega servía de cicerone.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul (III)

Diciamos nunha entrada anterior que no ano 1948 comezaron a celebrarse en Lugo uns cursos formativos organizados pola Inspección Educativa e auspiciados por D. Antonio Fernández.
Este home ( fillo de Antón de Marcos) funda ese ano a Escola Primaria de Capacitación Agraria de Barreiros ( hoxe Granxa de Barreiros) baixo a dirección de D. Avelino Pousa Antelo.
No ano 1950, coa intención de desenvolver o ideario da Institución Libre de Enseñanza, funda tamén na cidade das murallas o Colexio Fingoi --segundo colexio mixto creado na España franquista--coa idea inicial de capacitar ao alumnado para a vida "polo que é preciso atender a todos os aspectos da súa personalidade, que se atopan intimamente enlazados" recollen os Estatutos de Fundación do Centro.
Non sabemos a data con exactitude, pero a este proxecto incorpórase D. Vicente nos primeiros anos da súa andaina. Algunha das fillas máis novas de D. Antonio lembran as súas primeiras experiencias escolares da man de D. Vicente ( "tratábanos coma se fosemos fillas súas" lembran Tona e Asunción Fernández Puentes). Hai que indicar que nestes anos o Centro Fingoi funcionaba como Padroado ao que a Delegación de Educación achegaba unha serie de mestres, entre os que se atopaba D. Vicente.
Non tardou moito en asumir a Dirección Escolar de Primaria no colexio e co paso dos anos --desaparecidos o Cursos de Capacitación dos que antes falabamos-- a fins dos setenta impulsa a creación da Escola de Verán-- cursos estivais vencellados á Nova Pedagoxía e ventá aberta para os novos aires democráticos na escola). De feito chegou a ser o Presidente desta Escola de Verán".
É neste centro onde crea un Horto Escolar --aínda hoxe en funcionamento-- que utiliza non só para a docencia co seu alumnado, senón tamén para os mestres que se forman primeiro nos cursos de Capacitación Agropecuaria e despois na Escola de Verán. No mesmo instala unha estación de seguemento meteorolóxico na que seguen a evolución do tempo as xeracións de lugueses que pasaron polas súas aulas.
As fotografías son do Colexio Fingoi, o Horto Escolar e a terceira da Escola de Verán do ano 1985, na que aparte de D. Vicente hai máis mestres coñecidos.

Seguir lendo...

03/12/11

D. Vicente Devesa Jul (II)

Xa nos primeiros anos como mestre participa nos Cursillos de Formación Agropecuaria para Maestros Rurales que organizaba a Inspección de Primeiro Ensino de Lugo, e que estaban auspiciados por D. Antonio Fernández.
Neste cursos ten o primeiro contacto co mundo da apicultura. Inicialmente da man de D. Benigno Ledo-1867-1950- ( coñecido como O Cura das Abellas, chantadino que introduciu a colmeas Layens na península, e verdadeiro experto en apicultura), e do seu sucesor D. Isaac Correa Calderón ( da familia dos Correa de Neira de Xusá), do que D. Vicente chegou a ser axudante no ano 1956, para posteriormente asumir a responsabilidade formativa dos asistentes no relacionado coa apicultura a partir do 1960 ata o1971 ano no que deixaron de realizarse.
O mundo das abellas foi, desde logo, a súa segunda paixón. No ano 1983 entra na Asociación Provincial Luguesa de Apicultores (APLA), "participando na xunta directiva, primeiro como secretario e posteriormente como presidente ata o seu falecemento" sendo fundador do Boletín O Cortizo, de onde sacamos este parágrafo. (O Cortizo, nº 24. 2001) e no que publicou interesantes artigos, non só sobre o mundo das abellas senón tamén sobre outros temas dos que era un gran afeccionado como o caso da meteoroloxía, por poñer un exemplo.
Baixo o seu mandato a asociación asinou unha serie de convenios de colaboración coa Deputación de Lugo que serviron , entre outros logros, para a creación do Apiario-Escola de Teixeiro.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul ( I )

D. Vicente Devesa Jul, o segundo de cinco irmáns, naceu o 9 de xullo de 1920, no lugar de Tralacorda da parroquia de Seoane da Pregación --Friol-- onde fora casar a súa nai, Elvira, natural de San Román da Retorta --Guntín- co seu pai Ramón).
Xa de neno marcha para Lugo para facer o bacharelato, vivindo cuns seus familiares, no barrio de Magoi, segundo el indica nunha colaboración que fai no libro "La sublevación militar de 1936 en Lugo" de A. Santos Alfonso.
O bacharelato estudarao no que era "O Instituto", naqueles tempos situado na rúa San Marcos , nunha parte do que é hoxe o Pazo da Deputación Provincial. Posteriormente realiza os cursos de Maxisterio, obtendo a praza de mestre na oposición convocada no ano 1944.
Neses primeiros tempos como mestre, dá escola na vila friolesa, para despois ter que desprazarse a terras fonsagradinas, nas que coincidiu cun sacerdote, tamén de Friol, co que compartía cabalgadura por aquelas frías e mal comunicadas terras.
Aquí comeza a andaina educativa dun home que levaba no seu ADN a paixón polo ensino. Un auténtico mestre que dedicou toda a súa vida ao labor pedagóxico, co agarimo, coa ilusión e a inquietude que se lle supón a un bo educador, e D. Vicente érao. Polo menos, todas as persoas coas que falamos, e das que coñecemos tiveron relación con este mestre, coinciden no antedito.
Este home, co que nos cruzamos en numerosas ocasións na nosa procura de información sobre o Friol do século XX, faleceu en Lugo o 9 de xullo do ano 1999.

Seguir lendo...

14/11/11

As Aparicións das Pardellas. Relato dunha testemuña.

Relacionado cunhas entradas anteriores, nas que demos conta das chamadas “Aparicións nas Pardellas”, chegounos este relato dunha testemuña dos feitos que comentamos. Respectando o seu anonimato, transcribimos a súa versión persoal do sucedido:
“No mes de xuño de 1949 acababa de facer 13 anos. Terminara con éxito un dos cursos de bacharelato e encontrábame de vacacións en Friol. Falábase que a uns nenos de As Pardellas aparecíaselles a Virxe María, e con este motivo ía moita xente a dita aldea. Un día dese mes, creo que era domingo, organizouse unha visita ó mencionado lugar e eu fun co meu pai, e polo tanto son un dos vinte pequenos que cita a crónica da prensa ( El Progreso 15-06-1949). Chegamos ó sitio de día, pero á tardiña. Recordo unha rocha granítica bastante grande, partida en dúas partes, na que no medio medraba un carballo, pouco desenvolvido, polo lugar en que prendera. Chamoume a atención que das ramas colgasen diversos obxectos relixiosos, destacando os crucifixos que, segundo me explicaron, servían para esconxurar ó demo, por se se lle ocorría achegarse. Estaban presentes algúns curas das parroquias próximas e creo recordar que se rezou algunha oración; tamén se atopaban gardas civís do posto de Friol. A partir da rocha o campo era bastante pendente, en subida cara ás casas da poboación. Na parte máis alta e afastada do lugar, colocáronse as persoas maiores e na parte de baixo os vinte nenos, máis ou menos, incluídos os catro que se dicía que se lles aparecera a Virxe, ós que eu terminaba de coñecer. A nós, os cativos, puxéronnos detrás dun pequeno valado, que se encontraba a uns poucos metros da pena indicada. Alí pasamos máis dunha hora. Eu tiña os ollos ben abertos por se vía algo e xa empezaba a estar canso. Era xa de noite. De repente os nenos videntes gritaron que alí estaba a Señora. E, como relata o cronista, os maiores,que se encontraban máis arriba, e que tamén querían ver a aparición, botáronse a correr costa abaixo. Recordo que os pícaros, eu tamén, estabamos, tirados no chan, mesturados coas pedras do muro, e que non pasou nada, nin tan sequera houbo rabuñaduras.
E eu vin ou non vin?. Aínda que permanecía moi atento non vin aparición algunha sobre a mencionada rocha, pero no intre en que a xente maior se abalanzaba sobre nós, os nenos, vin como un raio saía da rocha en zigzag cara o ceo, como se un SER Superior quixese fuxir da impaciencia e irresponsabilidade dos humanos. Impresión, a do lóstrego, que me quedou gravada na mente para sempre. Logo penso que o acontecemento, polo que fora, non contou co apoio da Autoridade eclesiástica e foise esmorecendo. Eu non volvín na miña vida a aquel campo”.
Ata aquí o relato, nada máis indicar que aínda hoxe, é frecuente a presenza de xente foránea, que na rocha citada, fan investigacións relacionadas co aquí recollido.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.