15 novembro 2014

A toponimia de Santa María de Guimarei

Iniciamos a entrada sobre a toponimia desta parroquia  con Guimarei que lle dá o seu nome; é un topónimo repetido non só no concello ( parroquia de Nodar), senón tamén por Galicia adiante(visitar Nomenclátor). Ten a súa orixe nunha antiga *villa Wimaredi, propiedade dun Wimaredus antropónimo de orixe xermánica,  ( hai quen cita un Wimaredus como bispo de Lugo alá polo século IX, pero nin cremos teña nada que ver co posuidor do que falamos nin sequera o dato está contrastado suficientemente, quede como apoio á presenza dos Wimaredus nas terras galaicas).
O Abrigueiro viría do latín "apricare" --abrigar-- 'abrigo ou  paraxe defendida dos ventos' seguindo o dicionario de Leandro Carré  Alvarellos.
O Campo da Feira non necesita explicación: campo onde se compran e venden mercancías en datas fixas, neste caso os 26 de cada mes como xa comentamos noutras entradas. Feira  provén do latino feriae (a forma antiga  era "fesiae" por rotacismo (o /s / polo / l /), de aí que tamén sexa esta palabra latina o étimo da galega festa).
A Eirexe, lugar onde está situada a máis que interesante igrexa parroquial, ten a sú orixe no "ecclesia" latino.
Guimarei de Arrriba que queda xa explicado inicialmente e cunha segunda parte nidia facendo constar a diferenza de altitude do lugar con referencia ao primeiro.
E para rematar queda Meigonte. Segundo indica Nicandro Ares tería a súa orixe nunha antiga posuidora xermánica "Manigunda" nome do que dá referencia polas afastadas terras da  Lombardía, indicando que non aparecía tal nome "nos repertorios galegos ou hispánicos medievais".
De todas formas, atopouse unha carta de aforamento deste lugar (Meygonte), xunto con outras terras próximas, de data de 21 de xullo de 1408, nos documentos do Mosteiro de Vilanova de Dozón. No citado aforamento a favor de Xil Fernández e Costanza García. (ver Colección Diplomática do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón, pax 185) podemos ler: "...e de Santa María do Paaço de Negral con a herdade do Burgo, e sub signos de Sayoane de Pereegaçón e de San Çibraao e de San Martino dos Condes e de Santiago de Golderiz, et con mays a mĩa parte do casal de Meygonte e de Romaao,..." o que testemuña o mantido por D. Nicandro na hipótese sobre a orixe do topónimo.
Por último, tamén indica este autor que no cemiterio parroquial ten visto unha lápida co nome de "Meigonde" que acreditaría aínda máis a posibilidade  da orixe aquí exposta.

3 comentarios:

Xosé González

Parabéns polo blog, que estou a seguir; a toponimia é unha parte importante do noso patrimonio.

Un comentario menor: os topónimos galegos derivados do nome do posuidor da "villa" son moitas veces nomes de orixe xermánica, como acontece con Guimarei. Porén, que o nome sexa de orixe xermánica non implica que o posuidor tivese necesariamente nin orixe nin antepasados xermánicos: eses nomes estaban "de moda" na Idade Media. Do mesmo modo que unha rapaza chamada "Jennifer" non implica que sexa inglesa.
Un saúdo.
Xosé

Friol

Tes toda a razón, coomparto o que dis e corrixo a redacción. Ás veces a pesar de repasar o escrito quedan cousas que dan pé a malas interpretacións. Obrigados.

rcruces@edu.xunta.es

Inda non acabei de ler toda a información que dás sobre a toponimia do concello, pero sei que hei aprender máis sobre os nosos nomes. O comentario que veño de ler fala da orixe do nome, non da familia, pero está ben acoutar apreciacións, sobre todo cando nos están a bombardear co "campo da estrela". Por certo, na Limia hai outra Compostela (ben feita, ben composta(?) ou "lugar de enterramento", cemiterio pequeno?)
Xa se me nota que son picheleiro, ¿nonsí?
Parabéns polo blog e apertas.
Ramón Cruces.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.