09 marzo 2010

Da Restauración á G. Civil (II): D. Genaro G. Rosón

No Boletín Oficial da Provincia (en adiante B.O.P), publícase unha relación asinada polo alcalde do momento Jacinto Rodríguez García o 24 de febreiro de 1898 na que aparece a lista de electores elixibles para a elección de Compromisarios para Senadores da provincia de Lugo. Entre eles , aparecía, por orde de cotas aboadas ao Tesouro -de maior a menor-, en primeiro lugar por ser o maior propietario do concello D. Genaro González Rosón Neira da parroquia de Nodar cunha cota total de 515,84 ptas daqueles tempos.
Figura omnipresente neses anos, D. Genaro pertence á terceira xeración dos Rosón, que chegaron da parroquia de Agüeira--Becerreá--ao concello friolés, vía matrimonial. O primeiro, Ángel Gonzalez Rosón, avó do que falamos, veu casar a Nodar con Benita Folgueira da casa de Vilasuso nas Pardellas, Condes.
Este D. Genaro , avogado ( ao igual co pai e avó) e durante moitos anos xuíz, era verdadeiramente o exemplo paradigmático do cacique local , temperamental e intemperante, disposto a preitear con quen fose, sempre que considerase que así o debía facer.
Dado que a elección de xuíz se realizaba cada dous anos –ao igual que a renovación dos concellos- o señor G. Rosón sempre estaba en pé de campaña; aínda que en última instancia, dependía do vento do goberno e da composición da Audiencia Provincial do momento, para ser ou non renomeado para o cargo.
Documentado está que no ano 1.889 foi nomeado xuíz, e a partir desa data , con algún que outro “período de descanso” foino case sempre ata ben entrado o século XX.
Sabemos que tentou acceder ao concello nos primeiros anos do século XX --1901 e 1903-- pero daquelas os conservadores – ou mellor dito os ultraconservadores-- estaban destapados e deberon coller frío. Os opoñentes mesmo publicaron unha copliña lembrando o fracaso nas urnas.
"Dicen que el pobre Rosón
ya no cesa de llorar,
después de la votación
del colegio de Nodar".
(1)
E a pesares de que a prensa afín acusou de “pucheirazos” os resultados electorais, e a pesar das múltiples reclamacións , a autoridade competente non considerou tal e o bo de D. Genaro quedou fóra do Concello. Non debeu repetir máis o intento e decidiu que asumir o papel de xuíz, como xa dixemos, durante longo tempo era máis que suficiente para defender os seus intereses.
D. Genaro , viña ser sinónimo de preitos e reclamacións :
Se era a familia... por cuestións testamentarias (2), por problemas de dereitos señoriais (3); cos de fóra da familia... que se o aproveitamento da auga (4), que se reclamacións por non ser nomeado xuíz (5), ou por selo e o traspaso de poderes non facelo ao seu gusto, polo que consideraba resultados electorais adulterados…(6), sempre había motivo para andar en litixio. O seu era a xustiza… entendida a súa maneira. E as súas actuacións non eran moi diferentes, exercendo o cargo de xuíz, de feito hai testemuñas periodísticas que así o indican.
Tivo –cremos-- unha pedriña no seu camiño: Higinio Fernandez de la Vega, que por razóns da casualidade, apareceu en Friol en forma de Notario; praza á que se presentara e non conseguira D. Genaro (7). Polo que puidemos ler, as relacións entre ambos sempre foron –politicamente— distantes, con entrecruzadas invectivas dun e outro na prensa afín.
De feito, cremos que detrás da copla antes citada estaba o enxeño versificador do Sr. Notario.
Dentro daquela dinámica non esqueceu a capital da provincia. Era tendencia que os propietarios agrarios puxesen casa en Lugo; ían e viñan e ao tempo facíanse amizades e relacionábanse con aqueles que detentaban o poder para despois favorecerse mutuamente (a fotografía é da casa nº 25 na Ruanova luguesa que era dos González Rosón e que ata hai pouco tempo seguía sendo vivenda familiar dun neto ben coñecido na política luguesa polos seus vaivéns (Pedro Luaces G. Rosón). Cando fixemos a fotografia deunos a sensación de que foi vendida a unha cadea de confeiterías da capital. (A casa non sabemos se foi adquirida polo citado D. Genaro ou se xa o pai ou avó foran os adquirentes).
Morre D. Genaro no ano 1929 e é enterrado no panteón que el mandou edificar no cemiterio de Nodar do que xa falamos noutra entrada e no que se atopan tamén enterrados dous dos seus fillos - Teolindo e Genaro --, a muller-- Dª Perfecta Losada e a nai desta.
Os pais e algún dos seus irmáns repousan no cemiterio de Prado.

(1) El Regional, 20-outubro, 1.903
(2) El Regional 26 de setembro de 1924
(3) El Regional, 14 de abril de 1904
(4) El Regional 18 de maio de 1911
(5) El Regional 24 de xullo de 1905
(6) El Norte, 14 de novembro de 1901
(7)El Regional, 31 de outubro, 1891

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.