Hoxe deixounos Xesús Alonso Montero, escritor, ensaísta, filólogo, membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, a que presidiu no período 2013/17.
Nesta ligazón pódense ler aspectos biográficos e bibliográficos máis precisos.
Os que isto escribimos, alá pola década efervescente dos setenta, tivemos a sorte de recibir aulas deste mestre de mestres.
A materia que impartía (no, para a miña xeración, Instituto Masculino de Lugo) era sobre literatura española ; aí coñecemos a Machado, Hernández, Lorca ... pero sempre tiña un oco para facer algunha achega a autores da nosa lingua.
Foi por el polo que chegamos ao galego: polas leccións e polos seus estudos (Informe dramático sobre la lengua gallega, O que cómpre saber da lingua galega, entre outros)
Tempo despois coincidimos militando na mesma organización a prol da democracia e en contra do fascismo.
Se escribimos esta nota é porque de non ter topado con don Xesús nas aulas, seguramente o meu achegamento ao galego e a miña posición sobre a nosa lingua sería ben distinto.
Este blog que estivo activo desde o 2008 e con altibaixos chegou ao 2025 quere pechar as súas publicacións cunha homenaxe sentida ao noso querido profesor.
Sen o interese pola lingua que nos transmitiu, cousa que quedou gravada a ferro na nosa memoria, non tería nacido este blog ou tería sido de outra maneira.
Grazas profesor. Longa memoria

0 comments:
Publicar un comentario