Carmeliña de Campelos,
un día de primavera,
estaba tomando a sesta,
deitada tras da palleira.
O Farruquiño de Arriba,
desde o cimo dunha casa,
ao ver que estaba durmindo,
foise achegando á rapaza.
Caladiño coma un rato,
xunto dela, se deitou,
quíxolle dar un abrazo,
pero Carmen espertou.
--Atrás Xan ! ou condenado !
Sei que vés adoecido!.
Inda non me abraza un grande,
pra canto máis un cativo.
--Sei que tes moita fachenda
porque estás apercibida.
Pois anque che son pequeno
tamén teño dereito á vida.
Téñoche unha gaita nova
e saíucheme moi boa,
para tocar a miña muller
o día da nosa voda.
Ela estaba escondida
fartándose de reir.
--Primeiro habemos durmir xuntos,
pra ver se dás bo durmir.
--Pois cando queiras durmimos
que eu xa estou rabeando
e xa me podes dicir
o día que hei de ir
--Pois logo vén o domingo,
entrarás polo balcón.
Xa entras na miña cama
dereito a aquel rincón.
Entrou Xan polo balcón,
contento e emocionado,
foi dar á cama da vella
que tiña cento e un anos.
Encendeu unha cerilla,
pasoulle as mans pola cara,
dixo : -- A esta non me arrimo
que está moi engurripada.
Deitouse Xan a modiño,
a vella sen despertar,
a vella ronca que ronca
nunca lle puido falar.
Cando a vella despertou,
viu aquel home na cama,
botouse dela en camisa,
polos veciños chamaba.
O Xan notouse apurado,
tirouse polo balcón,
antes que viñera a xente
e o tratase de ladrón.
0 comments:
Publicar un comentario