19/10/09

San Martiño de Prado. Toponimia

Xa no século XI, nos Tombos do Mosteiro de Sobrado, hai unha referencia a San Martiño de Prado (“in valle Nalare… villa Prato” ). O Prado, haino de Arriba e de Abaixo tendo en conta a súa situación.
En Prado segundo consta , houbo casa torre que segundo contan deu orixe á casa dos Prado cunha curiosa lenda que trataremos nunha próxima entrada.
Tanto A Costa como A Pena ao igual que Outarelo (diminutivo de outeiro) aluden ás características topográficas nas que se asentan estes núcleos.
A Casanova é topónimo claro que non necesita explicación. O Empalme , como encontro de camiños é un odónimo máis dos que abondan na nosa xeografía.
A Devesa explicaríase a partir do "defendere"- protexer- latino e de aí a "defensa" como terreo acoutado con árbores destinado ao pasto para o gando . Nas parroquias de Anafreita, Trasmonte, Santalla e, Condes atopamos tamén este topónimo.
Lousende provén do nome do posuidor visigótico Leodesindus . No 790 aparece este antropónimo documentado na Liébana “Leodesindus presbiter”.
En Lousende hai un cruceiro cunha lenda con lobos por medio da que xa falaremos no seu momento.
A Uceira, fitónimo que xera algunha confusión -- non sabemos se interesada—pois fálase da Oceira, Auceira (sic)… cando é un abundancial da “ulex ulicis” -uces—que non require maior explicación.
Por último queda O Sisto ( tamén presente en Xiá, Anxeriz e Santalla). En principio ten a aparencia de vir dun nome persoal “Syxtus”—nome dalgúns papas que pasaron ao Martiroloxio Romano—seguindo a N. Ares. Sen embargo hoxe hai unha segunda teoría que viría explicar este topónimo a partir do latín “sisto, stiti, statum” – establecer, parar-- que lle daría a significación de parada ou paradoiro nun camiño.
A fotografía que ilustra a entrada facilitóunola Estefanía Pena. É unha instantánea do Día da Festa. Non sabemos con seguridade a data pero supoñemos que será dos anos sesenta.

2 comments:

Chousa da Alcandra

Esas fotos en branco e negro (case que sepia), co típico corte curvilíneo teñen un arrecendo que se capta polos ollos.
Son un magnífico recordo para os que coñecen aos protagonistas, pero déixanse admirar tamén polos descoñecidos.

Apertas de Antas

Anónimo

Si, a verdade é que "retrotraen" a un pasado que a pesar de estar á volta, parece que quedan a centos de anos de distancia.
É incribe o rápido co que o tempo devora as cousas.
Estas fotos lémbranme a miña nenez de estreituras e pantalón curto e misa moita misa.
E moita inocencia, e neste aspecto sinto algo de morriña.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.