O edificio actual do Concello de Friol foi inaugurado o 29 de marzo de 1.928, sendo alcalde naquel momento, e impulsor da obra, D. José Casanova Cobas. Para a construción do mesmo carrexouse cantidade de pedra dos Castelos .
Na nova edificación, inicialmente, destinouse a planta baixa como escola para a poboación infantil da capital do concello e parroquias máis achegadas ao mesmo.
O acto, que serviu ao mesmo tempo como homenaxe ao Sr. Alcalde, foi amenizado pola Banda de Música de Vilacendoi ( parroquia de S. Xillao de Bocamaos. Lugo), banda de moita sona por aqueles tempos en toda a contorna.
Foron ao redor das 140 persoas, as que participaron na comida-homenaxe, asistindo practicamente todo estamento clerical do concello; os mestres de Friol e Roimil e, en calidade de convidados ,asistiron diferentes personalidades da vida local e provincial como o ex alcalde de Lugo Sr. Eduardo Rosón – avogado de recoñecido prestixio e que poucos meses antes presentara a dimisión como alcalde da cidade - , o Sr. Castrillón , avogado e secretario do Xulgado de Friol e o cura párroco da parroquia de Anxeriz, Sr. Ansede que foron, xuntos cos mestres antes citados, os encargados de pronunciar os discursos propios destas efemérides. Tamén houbo unha representación da Unión Patriótica de Trasparga ( lembremos que estamos en pleno período da Ditadura de Primo de Rivera).
Rematou o acto cunhas verbas do alcalde e unha posterior sesión de bombas de palenque.
As escolas funcionaron ata ben entrada a segunda metade do s. XX . Aquí deixamos unha fotografía dunha das últimas xeracións que usaron tales dependencias para iniciar a súa formación.
5 comments:
Bo traballo de recopilación.
Non sabía que a banda de Vilacendoi tivera tanta sona daquela. Eu, como tiro para a casa, penso que a melloriña con diferencia era a de Antas, que por aquel entón xa contaba cos dous irmáns "Portocarreiro" como membros...
Unha aperta e feliz ano novo!
Pois si. Esta Banda de Vilacendoi, creada a fins do s. XIX e que mantivo a súa actividade ata os anos 50 do século pasado, tiña na contorna fama de bos músicos.
É certo que por Galicia adiante neses anos abondaban as Bandas , mesmo había concellos ( o de Guntín por exemplo) que tiña dúas.
Pero esta de Vilacendoi, preocupábase de formar aos seus compoñentes e levaban profesores para mellorar o seu solfexo e técnica instrumental.
De feito un deses profesores que ían desde Lugo a lle dar clases de perfeccionamento aos membros da Banda era un meu avó.
Escoitei dicir que se fará un recoñecemento público a algúns membros da Banda de Vilacendoi..., ou xa foi?
Pois a verdade é que non sei nada.
Xa porei as miñas antenas en funcionamento.
curiosamente , onte botándolle unha ollada á hemeroteca, dei cunna noticia do ano 1.914 na uqe falaba dunhas festas -- non acordo cales- que sería amenizadas "pola acreditada banda de Vilacendoi".
Se sei algo sobre o que dis xa cho direi.
Saúdos
Xa sei eu!!!
Festa de homenaxe á Banda de Vlacendoi o 14 de marzo de 2010. Organiza Asociación veciñal de Bocamaos e coa colaboración (esto sí que non ten desperdicio) do Excmo Concello de Lugo, a Excma Deputación Provincial, os Estoupacaldeiros e Fefeme...
Para que logo digades que non vos teño informadiños!
Apertas dende Antas
Publicar un comentario