A fin de semana pasada, no concello de Portomarín, levouse a cabo unha batida de raposos. A asociación ecoloxista ADEGA, vén de denunciar que estas cacerías carecen de rigor científico e afirman que a necesidade destas batidas por un exceso de poboación do citado animal, non é tal. Por outra banda sinalan que botarlle a culpa da escaseza doutras pezas de caza ao raposo é infundada.
Por outra parte os ecoloxistas denuncian tamén a celebración da "V Copa de España de Caza do Raposo "V Copa de España de Caza do Raposo" no mesmo concello, a celebrar esta fin de semana.
Nós aproveitando que o Miño pasa por Portomarín, publicamos aqui dous contos relacionados cos raposos.
Sen lugar a dúbidas, é o animal que máis aparece nos nosos contos tradicionais, unha boa mostra é o libro de Antonio Reigosa "Memorias dun raposo" no que de xeito novelado pega un repaso á todas as historias nas que o raposo fai acto de presenza.
Este primeiro conto foi recollido por Patricia Marqués na Hedreira, Condes. Contoullo o seu avó.
"Había unha vez un raposo que colleu unha pita polo rabo con ganas de darse unha boa panzada, pero a pita escapoulle ao bo do raposo e a este quedáronlle na boca algunha das plumas da ave.
O raposo dicíalle á pita:
-- Ai cabeciña louca, volve pola túa roupa !
Ao que a pita respondíalle:
-- Non volvo, non , que Deus hame dar outra!
Estoutro foi recollido por Luís Pena na Agruñá, Cotá, e foille contado polo seu pai. Di así:
" Hai moitos anos, chegou un raposo a unha aldea en busca dalgunha galiña ou un galo co que matar a fame. Achegouse a un galiñeiro e o galo que estaba vixiando avisou ás galiñas para que se agochasen antes de chegar o raposo. Así o fixeron , pero o galo non tivo tempo de facelo e empezou a convencer no raposo para que non o comese.
-- Non ves que estou moi fraco. Se viñeses polo tempo do millo novo estaríache mellor mantido.
O raposo deixouse convencer e contestoulle:
--Pois vale, convencíchesme. Hei vir no mes de outono. Dime por quen hei preguntar cando chegue.
--Pregunta por Coidado -- dixo o galo--
E así foi; pasou o tempo e acordou o raposo do trato que fixera co galo e alá marchou outra vez.
Cando chegou, novamente o galo deu avisado ás galiñas para que se escondesen, e el tivo tempo de subirse a un poleiro ben alto para esperar a chegada do raposo. Este ao chegar chamou:
-- Ei Coidado !
O galo desde o poleiro contestoulle:
-- Xa cho teño.
1 comments:
Muy buenos los cuentos que nos dejas y es qe ya se sabe el raposo es listo pero a veces las gallinas lo son más.
Bueno, que estoy totalment en contra de esas batidas y no digamos de esa qinta copa de España ... nos quejaremos después de que se extingan especies.
Gracias por la entrada
Publicar un comentario