Como moitos cruceiros, está situado nun cruce de camiños en dirección a Ferreira, na parroquia de Anxeriz. Aséntase sobre unha plataforma de triplo chanzo e unha base cúbica coas arestas superiores rebaixadas, na que figura unha inscrición que nos permite datar a obra en 1732. O fuste carece de base, é cilíndrico, moi esvelto e presenta unha lixeira éntase. Está labrado en peza única e decorado con estrías: no terzo inferior as estrías son finas incisións na pedra, e no resto do fuste son estrías profundas de cicelado cóncavo. Remata nunha moldura en bocel que serve de base ao capitel.O capitel, case esférico, afástase dos canons clásicos. Está delimitado por unha moldura inferior en talón, e unha moldura superior ondulada e decorada por óvalos cóncavos. O corpo do capitel está feito en dúas pezas e percorrida por sobresaíntes relevos en gota que converxen no centro sen tocarse.
Sobre o capitel aséntase unha cruz de sección cuadrangular e arestas rebaixadas. No anverso represéntase a Cristo na cruz seguindo a iconografía tradicional: co pano de pureza anoado no seu lado esquerdo, con tres cravos (pés cruzados), e aínda con vida mirando ó ceo. No reverso represéntase a Piedade. A Virxe sostén o corpo inerte do fillo mentres se lamenta co rostro cara ó ceo. Aséntase sobre cabezas de anxos. Leva a cabeza cuberta por unha toca que orixina tres pregamentos á altura do pescozo. Parece levar unha especie de túnica ou capa sobre o vestido. Este presenta unhas incisións en relevo na parte central da saia que asoma sobre a capa, e remata na parte inferior en perfil ondulado.
O conxunto presenta un visible deterioro na zona da cruz e do capitel. Presenta evidentes similitudes co cruceiro de Anxeriz fronte á igrexa parroquial, do que xa falaremos.



0 comments:
Publicar un comentario