07/06/11

Outro cabazo

Días atrás, achegámonos ata A Cabana de Nodar , para ver a antiga escola coa fin de completar unha entrada que estamos preparando sobre un veciño, xa falecido, que deixou fonda pegada no lugar --pero iso é outra historia--.
Camiño da Cabana, ao pasar polas Fontes (Nodar), os nosos ollos deron cun cabazo en moi bo estado. Chamounos a atención a súa feitura e fixemos a clásica parada, para lle tirar unha foto --a que vedes-- previa solicitude e parloteo cos seus propietarios, que naquel momento estaban a rapar unha ovella.
Nós, non nos decatamos de que eran os pais e a casa, dunha nosa alumna -hoxe rematando 4º de ESO-.
A boa de Laura, foi das primeiras alumnas que iniciaron o Proxecto Interdisciplinar "O patrimonio do meu concello" no curso 2007/08. Fora ela a que trouxera unhas fotografías dun cabazo moito máis vello do que vemos, feito polo seu avó nas terras de Miraz.
Naquel momento comentaramos o uso destas construcións adxectivas e a case desaparición das mesmas ( tema do que xa falamos noutra entrada e que podemos documentar máis no blog A Ulloa en fotos).
Pois ben, segundo comentou a nai da alumna, esta non parou de insistirlle ao avó para que lle fixese tamén para a súa casa un cabazo igual. Non parou ata que o conseguiu. E aí o tedes: Como testemuña silandeira dun pasado e como afirmación de que saber darlle aprezo ás cousas é algo que podemos aprender se é que xa non vén con nós.

1 comments:

A Ulloa en fotos

É unha nova estupenda!! Que maneira mais boa de recuperalos os cabazos! E parabéns a Laura pola insistencia.

A feitura é semellante a un cabeceiro que atopei non fai moito en Santaballa ( Fontecuberta, Palas de Rei).

Apertas dende A Ulloa

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.