26/12/13

Anafreita: terra de músicos

Tempo atrás nunha entrada onde se falaba da muiñeira de Anafreita, un lector deixou un comentario no que facía referencia a un antigo cuarteto de gaiteiros existente na citada parroquia. 
O curso pasado no blog do alumnado de 1º de ESO, a alumna María Fariñas publicou un traballo no que falaba do seu avó gaiteiro: Marino Fariñas, nacido tamén na mesma parroquia.
Na páxina que o Consello da Cultura Galega ten dedicada aos instrumentos musicais na tradición galega e que coordina Pablo Carpintero, fálannos de que nas terras friolesas predominaba --entendemos que na zona oriental-- a gaita de catro voces.
Tense constancia asemade de dous obradoiros de gaitas en Anafreita: Un deles de Manuel (ou José) Fariñas e outro de máis sona, iniciado por Manuel López e continuado polo seu fillo Casimiro de Portolamas (falecido no 1964), precisamente é deste de onde sae a primeira gaita tocada por Marino Fariñas. 
Alá polo primeiro terzo do século XX, este Casimiro, xunto ao Tío Manuel dos Mateos, Antonio Corredoira e Manuel( ou José) Fariñas, formaban o cuarteto de Anafreita do que achegamos a fotografía recollida da páxina Folkoteca galega coordinada por Xulio Xesús León Pérez.

2 comments:

Anónimo

Muiñeira tocada por Marino e recollida por Xosé Luis Rivas "Mini"

http://www.apoi-mpg.org/index.php?option=com_lqm&task=showResults&query=170&lqm_id_musica=193&tmpl=component&Itemid=11&grid=173

Carricoba

Dámosche as grazas polo enlace.Na entrada que lle fixo a neta a Marino xa tiñamos enlazada esta muiñeira. De todas formas grazas polo interese e colaboración.
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.