11/05/16

Homenaxe a Xerardo Quintiá

Este sábado dentro das programación das IV Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural que se están a desenvolver na parroquia de Carballo, está previsto dedicarlle a sesión da mañá a homenaxear ao escritor friolés Xerardo Quintiá.
Dende que no ano 1997 publicase Finísimo po nas ás ata O viaxeiro radical do ano pasado, innumerables son os títulos que acollen unha extensa produción narrativa, que en grande parte reflicte un emocionado apego ao mundo rural no que desenvolveu a súa infancia ( innegables referencias á vida cotiá friolesa podemos lelas en múltiples páxinas de Xerardo) 
Co seu Ailalalelo de auga, alá polo 2001, comeza a publicación da súa produción poética -aínda que a súa narrativa por momentos tamén se volve poética--, continuada coa súa Poesía en ruta e a serie de Fornelos& Fornelos que xa, de momento, as dúas primeiras entregas acadaron sendos premios.
Tampouco non hai que esquecer a súa atención á xente máis cativa. Aínda lembramos as ocasións nas que empregamos o seu Ketumba Ketamba, O burro Feldespato ou a Titiritesa, para lecturas colectivas ben animadas e coa expectación dos rapaces e rapazas nos ollos de quen está a ler, non un libro por obriga senón co entusiasmo de saber como remata a historia e sabendo por riba que esa historia era narrada por un home tan friolés como os participantes da actividade.
En definitiva, desde estas páxinas sumámonos á merecida homenaxe e ao recoñecemento da obra dun autor que sente a súa terra como súa, transmite esa querenza nas súas creacións e, ao tempo é facho de esperanza nestes tempos convulsos que nos tocaron vivir.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.