29 outubro 2008

A Cova da Serpe

Contan que hai moitos anos, no lugar coñecido co nome de Cova da Serpe vivía unha serpe de tamaño descomunal- chégase a falar de máis de dous quilómetros de lonxitude-. Tan grande era que cando baixaba ao regato a apagar a sede a cola do réptil permanecía na cova, a pesar de ser moita a distancia entre os dous puntos.

O caso é, que a serpe alimentábase con todo o que atopaba, fose besta, cabalo ,vaca ou año. Todo lle valía.

Os veciños cansos de perder cabezas de gando con demasiada frecuencia, buscaron a maneira de acabar coa serpe. Despois de moitas xuntanzas decidiron poñerlle un burro morto no seu camiño , cheo de alcatrán. Ao día seguinte a serpe topou co burro e deuse unha gran enchente pero por culpa do alcatrán rebentou e acabou o problema.

De aí lle vén o nome á Serra e, segundo parece tamén, ao pozo que no regato é coñecido como “O pozo da Serpe”.

Hai quen asegura que ao veciño que tivo a idea e puxo o burro no camiño, en recompensa, déronlle a Casa Torre de Miraz.

3 comentarios:

Anónimo

Outros din que é un prado o que recibe o nome "Prado da serpe" e que está localizado preto da Torre de Miraz. Cando dispoña da foto enviareina

Álvaro do Sixto

O Prado da Serpe atópase preto da Torre de Miraz e polas súas inmediacións pasa un regato. Tanto Prado coma Pozo poden ser, pois un e outro están no mesmo lugar. Onde din que baixaba beber a serpe.

Friol

Faremos en breve unha excursión ata Miraz con alumnos de 1º e sacarémoslle fotografías ao Prado da Serpe. Despois colgarémolas aquí

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.