16 novembro 2008

O misterio da Cabeza de Narla

No ano 1956, Blanco Freijeiro publicaba en Cuadernos de Estudios Gallegos, un artigo titulado “Cabeza de un castro de Narla. Notas sobre el tema de la cabeza humana en el arte céltico”. Conseguiu chamar a nosa atención, pero tamén o desconcerto. No citado artigo, Blanco Freijeiro describe unha cabeza supostamente atopada no castro de Narla en circunstancias que non se aclaran. O único que dí é que foi un alumno seu, D. Amable Veiga Arias, que acabaría sendo catedrático do IES Lucus Augusti, á quen se debe o seu coñecemento e posesión temporal.
Case 40 anos despois, Calo Lourido publica “A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa”, no ano 1994. Nesta obra, Calo Lourido arremete contra a publicación de Blanco Freijeiro, non só pola falta de rigor ó dar por válido un achado rodeado de incógnitas, senón tamén polo contido, pois á cabeza só lle dedica páxina e media dun total de 21 pp. Así mesmo, Calo Lourido refírese ó Castro de Narla como “un posible xacemento do que nada sabemos”, cando as noticias que temos, é que o castro de Narla é algo máis que un topónimo.
Coa fin de dar co paradoiro da cabeza, Calo Lourido di poñerse en contacto con D. Amable Veiga Arias, pero este asegura que “endexamais voltara a ter noticia do paradoiro da peza”. E nós preguntámonos: por que non lle preguntou de paso como chegou ás súas mans?.
A conclusión final á que chega Calo Lourido, é que “adscribir ou manter a peza na cultura castrexa é gratuito”.
No mesmo ano, 1994, Calo Lourido publica na Revista Croa (nº4) “Manifestacións da plástica castrexa na provincia de Lugo”, onde introduce algunas matizacións: o Castro de Narla é xa citado como un xacemento seguro, que a cabeza de Narla púxoa en “entredito”, e que o Sr Amable Veiga non se lembraba da cabeza. E nós pensamos: Cuestionar non é desbotar, non lembrar é distinto de non saber… Con todo, acaba contradicíndose, pois máis adiante apunta a posibilidade de que a cabeza “puido ter sido feita por calquera inexperto pouco antes de desaparecer en Madrid”. E nós preguntámonos: Ah, así que desapareceu en Madrid? Aportou D.Amable Veiga algún dato máis que Calo Lourido non di? Por que Calo Lourido lle ten tanta rabia á peza, á que describe como “sinxela e basta”?
O certo é que outros autores seguen citando a cabeza nos seus estudos, mentres que no Museo de Lugo din non saber nada do tema.
Misterios sen resolver.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.