28 novembro 2008

O mal do sartego

Esta entrada é continuación da do sartego de Trasmonte , pois é este o protagonista do ritual de curación coñecido como o mal do sartego.

Este mal , que dende o punto de vista médico viría ser unha especie de raquitismo, avitaminose, ou en xeral calquera tipo de problema relacionado co crecemento dos nenos , está considerado polos informantes cos que contactamos, como un problema de “falta de vitaminas, cabeza grande, pernas cruzadas “e mesmo achegan a característica de palmeses.

O certo é que achegábanse a Trasmonte , onde ao pé da igrexa no cemiterio atópase o sartego, que segundo nos informaron , tiña ao pé unha especie de oco – fonte--no que se botaba auga para lavar ao rapaz enfermo.


Era importante que o diagnóstico fose atinado, pois como din as informantes --unha delas persoa que participaba activamente no proceso e á que polo tanto dámoslle creto no asunto—“os que eran propios do sartego notábaselles , curaban de contado”. Non ocorría o mesmo aqueles que viñan cun mal diagnóstico .Aquí as versións son contrapostas, ou “mal non lles facía … pero ben tampouco” ata ás máis tráxicas que , comentan,, podían levalos á morte.
Pois ben, localizaban a unha veciña de nome María – non valía outra muller -- ,levaban o meniño á “fonte do sartego” , enchían de auga a “fonte” e o rapaciño era lavado en coiros , para despois ,collido no colo da María “oficiante” daba tres voltas ao redor da igrexa parando en cada esquina da mesma para rezar un “padrenuestro”. A camisa que tiña o neno apegada ao corpo debía quedar deposita ao pé do sartego, ben na pía , ben na tapa de pedra do mesmo. ( De feito nun traballo sobre o tema publicado por J. Antonio Fidalgo Santamariña aparece unha fotografía con restos de roupa no sartego) .
Unha vez rematadas as voltas á igrexa , a propia María levaba ao neno ata a fonte da igrexa de Carlín – parroquia anexa á de Trasmonte que dista aproximadamente 3,5 km-- . Neste traxecto era acompañada polos familiares do enfermo.
Alí, ao pé da igrexa de Carlín, hai unha fonte onde remataban o ritual. Lavaban novamente ao pequeniño pero só a cara e os pés ou tamén as mans ( dependendo dos informantes) e deixaban a camisiña (outra) posta despois de ser lavados en Trasmonte nunhas silveiras ou mesmo na auga da fonte.
Normalmente , segundo a crenza popular os rapaces curaban en breve e cítanse casos de persoas que andan polo mundo que despois de sufriren o mal do sartego e, feito, en condicións, o ritual, curaron axiña.
Atopámonos tamén cos descridos que informaron que os seus fillos , si tiveran problemas de crecemento pero que os levaran ao médico e cunhas vitaminas quedara resolto o problema.
Como sempre hai opinións.
Por último hai unha pequena nota lendaria sobre aqueles que intentaron sacar a tapa do sartego do lugar no que se atopa: Cóntase dalgún albanel que a tentou sacar e no intento perdeu a visión que despois de colocala no seu lugar volveu recuperar .
Na visita que fixemos a Carlín, observamos restos de prendas guindadas nunhas árbores ao pé da fonte. Aínda que hoxe se perdeu esta práctica , seguro que algúns ben apurados por un mal diagnóstico médico ou por un mal proceso curativo achéganse ata Trasmonte coa esperanza de salvar ao fillo desa doenza. O que non se fai por un fillo!

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.