20 xaneiro 2010

O edificio do Concello (II)

Corrían os anos vinte do pasado século e Friol carecía dun lugar institucional onde poder reunir á súa corporación municipal.
Nun dos plenos celebrados no ano 1925, por decisión do concello, optan por celebrar os plenos municipais no domicilio particular do Sr. alcalde - vivenda que está acabada de facer propiedade de D. José Casanova Cobas-- ao pé da ponte do Narla ( a que ilustra a entrada coñecida como a casa do Ferreiriño). Para evitar malas interpretacións diremos que segundo a acta municipal aprobatoria esta cesión é gratuíta. Non só se reune a corporación, pois algún dos servizos recadatorios localízanse tamén na citada casa.
Nese momento é cando por primeira vez se estuda a posibilidade de construción da que é hoxe casa do concello.( 1.926)
Fálase co Conde de Maceda -propietario daquela da Torre de Friol e das súas terras-- para enaxenar unha parcela enfronte do Cuartel da Garda Civil - O Cuartel Vello-- e ao final chégase ao acordo de abonar pola propiedade que adquire o concello a cantidade de 5.000 ptas.
Hai que pensar que nese momento desde o goberno civil, insístese na necesidade de creación dunhas escolas no propio Friol .
Ao longo desta década e da seguinte ( pensemos que o concello supera os 10.000 habitantes) o labor de procura de locais para albergar escolas é continua.
Mesmo o diario “El Progreso" de 7 de febreiro de 1928 conta que a mestra de Cotá pide dada a excesiva matrícula de nenos "autorizacion para dar clases alternativamente formando una seccion con los niños de cada sexo".Que tempos!
Pero sigamos co noso. Consegue a adxudicación da obra un concelleiro, D.José María Folgueira. A realización da obra, polo que sabemos, farase en dúas fases.
Cando se celebra a inauguración do edificio – ver entrada anterior—só está feita a primeira parte da obra.
Debeu xerar certa polémica, non sabemos se a adxudicación, se os cartos destinados a tal fin , ou razóns de tipo político que non chegamos a coñecer; o certo é que poucos meses despois da inauguración a corporación municipal é destituida ( xullo de 1928) e nomeada unha nova na que encontramos ao fronte da mesma, ao novo alcalde, D. Segismundo Grande Varela.
Esta corporación anula tódolos pagos efectuados ou pendentes , facendo incluso reintegrar unha forte cantidade de diñeiro ao anterior alcalde.
José María Folgueira solicita unha e outra vez se lle aboe o que se lle debe e a respota do concello é que a obra non está rematada.
Pasarán preto de catro anos para que o concello ( novamente presidido por D. José Casanova) salde definitivamente a obra. Incorpórase unha partida para tal efecto nos presupostos municipais do ano 1.932.
Aparte das escolas , acollía tamén o edificio, as vivendas dos mestres , o xulgado, e mesmo no faiado había un espazo destinado a calabozo. Realmente só parte do primeiro andar era empregado polo concello para as reunións plenarias.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.