05/02/09

A Carmiña e o Manolo

Nesta ocasión reproducimos este romance tal como foi recollido, aínda que cremos , mestúrase o romance propiamente ( ver estoutra versión) e despois unhas coplas dunha regueifa , tan abondosas no noso cantigueiro. Aí vai:

--Carmiña do meu agrado
bonita cara de rosa
di se me queres axiña
non te fagas recelosa

--Ti moito falas Manolo,
sempre me deixas pasmada,
en canto estou solteira
non che podo crer nada.

--Pódesmo crer Carmiña
que che teño tal cariño
eu me morrerei coa pena
se non me caso contigo

--O sinto moito Manolo
contigo non vou casar
xa teño un rapaz moi guapo
á salida do luar.

--Moito presumes rapaza
teste por ser boa moza
non vales un patacón
xa non tes dentes na boca

--Eso pásache a ti
demonio de casaraño
con tantas mozas que tes
xa estás todo chupado

--Cala ti meiga do demo
cara de gata parida
non encontras quen te queira
por ser fea e presumida

--Eu de guapa non presumo
porque sei que non a son
pero pra ser coma ti
inda me sobra un millón

--Ese millón que che sobra
a min non che me fai falta
gárdao todo para ti
que che ha facer boa falta

(...)
e cando che miren á cara
para que nadie se espante

--Eu non espanto a ninguén
todos os que pasan me miran
se van dicindo adios guapa
(...)

Foi recollido por Jennifer Morandeira en Prado . A informante foi Julia Corral

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.