Parece que o concello de Friol comeza a interesar ao mundo da investigación. Dicimos isto porque hai algún tempo púxose en contacto connosco Eva Corredoira, avogada barcelonesa con orixes familiares na parroquia de Ousá; orixes que a manteñen en contacto permanente coa nosa realidade, ben de xeito virtual , ben aproveitando calquera período vacacional.
Precisamente nesta pasada Semana Santa puidemos compartir con ela uns momentos, que aproveitou para darnos a coñecer os seus avances na investigación que está empezando a realizar no concello.
A investigación que a ocupa, está relacionada coa pegada que deixou na sociedade de Friol a Guerra Civil do 36. De feito xa se puxo en contacto coas diferentes institucións locais, que poden ser posuidoras de información, para recabar delas a súa colaboración.
Desde esta páxina ofrecémoslle o noso apoio e por suposto a nosa axuda.
Esperamos poder publicar os pequenos avances que na mesma vaia acadando esta 'catalá de Ousá' á que felicitamos polo seu interese en recuperar unha parte da memoria que ás veces semella querer ser esquecida.
Sorte, Eva, nas túas pesquisas.
1 comments:
Desexémoslle éxito neste proxecto a Eva.
Persoalmente creo que existe material dabondo para levalo adiante, pero temo que, coma sempre, a xente cale boa parte do que sabe polo medo a revolver no pasado e polos condicionantes silenciadores habituais que moitos de nós coñecemos.
Ánimo e apoio debemos dar a esta investigadora pois o resultado seguro que é expléndido.
Publicar un comentario