27 abril 2009

Friol 1936-1939: o medo e a fame (2).

Ángel Sánchez, de 80 anos e veciño de Nodar insiste no medo e na escaseza. Comíase do que se producía. As mulleres e os vellos organizábanse como podían para coidar dos nenos e traballar as terras. Os veciños traballaban xuntos para redobrar esforzos, se ben algunha vez a fame provocou disputas entre eles. Unha vez ó mes, para a xente que estaba apuntada, chegaba a ración, que incluía azucre, pan, aceite, tabaco... pero todo en pouca cantidade. Conta Ángel, que entre os que andaban fuxidos estaba Montero, que cando se cría en risco e coa axuda da súa muller, metíase nun burato que tiña feito debaixo da lareira. Tamén Bautista andaba fuxido polo monte, onde tiña feita unha especie de cova con xestas ó carón dun valado. Benedicto foi outro dos fuxidos que recorda Ángel, e que tiña feito un burato no monte. Recollido por Diego Romero Uriz, alumno de 4º de E.S.O. da parroquia de Anafreita, Friol. (O seu bisavó, Segundo, plantaba tabaco ó lado dun pendello para que non llelo visen).
Guillermo Castro Franco, de 90 anos e veciño de Nodar, perdeu a dous irmáns na guerra, Claudio e Eladio. Tamén recorda a morte de cinco veciños. Dos que se agachaban no monte, recorda a Benedicto, que tiña o seu refuxio no monte da Cova da Serpe, mentres era axudado polos veciños. A súa muller, Fe, de 87 anos, fala do medo e de que vía a súa nai chorar moitas veces. Conta que os veciños xuntábanse para mallar, para coller leña, pero tamén recorda disputas e pelexas veciñais nas que morreu un veciño. O medo era tal, que a xente que perdía algún familiar, non se atrevía a chorar en público. Os falanxistas son recordados con terror.
Josefa Lamas Varela, de 76 anos e veciña de Vilariño, conta que había un cura en Samede, da Casa de Grandío, que axudaba a xente que escapaba e que ocultaba na artesa do trigo. Pero tamén sabe de curas que aproveitaron as confesións para delatar algúns. Insiste no impacto que as mortes na guerra provocaban, agravado porque os seus corpos nunca volvían. Recollido por Lorena Bello Quintela, alumna de 4º de E.S.O. de Nodar, Friol.

2 comentarios:

Anónimo

Sempre Castelao

Anónimo

O Bautista, tiña un parapeto feito de xestas, no monte de Pracente, entre Fontes e Anafreita, din que soio saia del polas noites, pra ir a buscar con que manterse, rematada a guerra, fundou familia e tivo 7 fillos, a sua dona ainda vive.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.