
Esteticamente o exterior resulta moi academicista e acorde cos gustos neoclásicos: as únicas concesións ó ornamento son enmarques xeométricos que reforzan o racionalismo arquitectónico. A fachada é de corte plano, acorde coa estética neoclásica, e segue un esquema moi semellante ó de tantas fachadas de igrexas presentes no concello: inscrita nun rectángulo e con dous vans no corpo central, porta e ventá, ambas rectangulares e con remarques de cantaría lixeiramente acentuados nas esquinas. Os extremos da fachada tamén se destacan mediante pilastras, coroadas por pináculos de bóla asentados sobre cilindros. A transición ó corpo superior resólvese mediante aletas curvas que serven de unión á espadana, de dous vans para as campás, e un terceiro van superior flanqueado por pináculos.
0 comments:
Publicar un comentario