08/11/09

Unha regueifa recollida no Freixido. Xiá

Chegou ás nosas mans o texto desta regueifa recollida no Freixido, Xiá  no mes de abril do ano 1.997. O papel con membrete impreso reza así: "Asociación Cultural FOLIADA FRIOLENSE. Friol. Lugo".
O que inicialmente era unha bola de pan feita de fariña de trigo , azucre, manteiga e ovos, que viña sendo o pan do xantar da voda e que era disputado entre os mozos bailando e executando os puntos máis lucidos coa intención de gana-la regueifa, acabou sendo un baile tradicional no que se ían improvisando coplas rimadas alternativamente e respondendo sempre ás alusións previas do regueifeiro actuante. Estes desafíos entre os mozos, mozos e mozas… están presentes desde antigo en todas as culturas.
Dominio da palabra, enxeño e axilidade mental son as características que debía presentar calquera regueifeiro ou regueifeira. Precisamente por isto , seguramente destacaban as mulleres nesta arte.
Chegou un momento, en que xa había unha serie de coplas que se aproveitaban como comodíns en calquera regueifa antes de quedar en branco.
Esta tradición foi decaendo ata practicamente a súa desaparición. Somos coñecedores que polo concello adiante había bos e boas regueifeiras.
Esta que traemos aquí di así:
- Vaite de aí sapoconcho
que mañá quero cocer,
se non teño varredoiro
contigo hei de varrer.

--Tes unha lengua Carmiña
que afé chegaba pa sete,
¿Cando borracho me viches
pa decir o que dixeches?

--Vinte no mes de febreiro
que era o día de San Blas,
inda me pediches un beso
e máis algunha cousa máis.

- Eu non era por borracho 
nin por cousa parecida,
era por saber, Carmiña,
como era a túa vida.

- Levaches chasco, Manolo
que te quedaches con ganas,
que eu non son desas rapazas
que me fío das palabras

-- Nena que estás na ventana
coas puntas do pano fóra ,
deseaba verche a cara
que o pano non me namora

-- Se o pano non te namora
a cara non cha ensino,
anda ti mal ensiñado
seguira-lo teu camiño

-- O camiño non o sigo
que inda che hei dicir adios,
pa que todo o mundo saiba
que ben nos queremos nós.

1 comments:

Anónimo

Agora sabemos que esta Asocicación foi impulsada por Pepita Regueiro e que dentro das súas actividades, destacou a recollida de material folclórico por todo o concello.
Con ese material fíxose unha adpatacíón da obra "Non chores Sabeliña".
Esta información debémslla a Teresa Vila. Grazas

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.