27 febreiro 2010

Temporais

Hoxe estamos sufrindo as inclemencias dun ciclón, que co exótico nome de Xynthia, está deixando refachos entre os 80 e 90 km/h e auga que supera os 33 mm ao longo do día.
O ano pasado foi o Klaus o protagonista, no 1.984 o famoso Hortensia. En anos anteriores, aínda que sen nome específico, os temporais visitaron esta comarca coa frecuencia característica destas latitudes.
Se botamos unha ollada ao pasado, podemos falar de fortes treboadas que provocaron cuantiosas perdas:
Así no ano 1.885, unha treboada provocou tal desastre que a Deputación Provincial acordou “socorrer con 600 pesetas --ao concello-- por haber descargado en varias de sus parroquias una atroz tormenta". 
No ano 1.934 no mes de xuño (10) foi tal a pedra caída que as colleitas de Condes, A Rocha, Silvela, Carballo, Roimil, O Pacio e Xiá quedaron completamente arrasadas. O concello pídelle axuda ao gobernador civil Eduardo Andicoberri, axuda que solicitaron a posteriori, os veciños de Castro de Rei que sufriran as mesmas calamidades.( El Progreso, 15 de xuño do citado ano).
Ilustramos a entrada cunha fotografia dos fondos do  Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Concretamente do fondo do fotógrafo José Luís Vega.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.