27/04/10

A canción da lebre.

No citado libro de Fidalgo Santamariña aparece recollida esta composición na que se citan diferentes lugares do concello de Friol e da parroquia de Parga (Guitiriz) (hai que pensar que tanto Trasmonte como O Seixón, Miraz, Carlín e Anxeriz tiñan moita relación con esta parroquia do concello veciño). Faise alusión a personaxes coñecidos da contorna e á súa afección á caza. Do Culleireiro dicir tan só que, a pesar de que aparece citado en relación coas súas capacidades xinecéticas, o que a nós chegou é que no que realmente era bo era na arte da pesca-- supoñemos que de aí o seu alcume-- A letra di así:


"O día cinco de xaneiro
vaia día máis fermoso,
pasou un caso en Roimil :
escapoulle a lebre ó Coxo.
Escapoulle a lebre ó Coxo
aínda cha ha de estrañar
desde o mes de setembro
que a tiña a cebar.
A lebre estaba viciosa
roeulle as varas ó cesto
e saíu daquel encerro
despois de catro meses dentro.
Chamou o Coxo ós cazadores
pra que lla foron pillar
saíu Lucas e Quiroga
non a puideron matar.

Non a puideron matar
a bo fe, viñan cansados:
ela quedaba escondida
na chousa de Quitarrabos.
Lucas de tanto correr
xa lle pingaba o bigote
e dixo: Non corro máis
sen o viño do pipote
O Coxo de visto tal,
deu en 'reñer' coa Racha;
mandou aviso a Trasmonte
ó Ferreiro da Muraza.
O Ferreiro en vista disto
preparou a carabina
pasou a noite tras dela
ata o marco da Valiña.
E a pobriña da lebre
por onde ela andará,
o día sete de xaneiro
pasou a ponte de Saa.
Pasou a ponte de Saa
xa non leva moito medo
púxose a comer as herbas
no anabado de Cubelo.
A lebre ten moita forza
porque estamos en xaneiro;
non estaría hoxe viva
se vivise o Culleireiro"

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.