Xa tiñamos falado nunha entrada anterior, das actividades do Partido Galeguista por estas terras de Friol alá polos anos trinta do pasado século.
Hoxe completamos aquela entrada coa inestimábel axuda de Encarna Lago González, que foi quen nos facilitou o material que hoxe incorporamos ao blog.
O pasado 14 de febreiro no Museo de Lugo inaugurouse unha mostra sobre D. Xosé Ramón Fernández Oxea, destacado membro do Partido Galeguista, que co título Ben-Cho-Shey 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968) recolle con toda clase de documentos escritos, gráficos e sonoros, un período histórico cargado de esperanzas e truncado traxicamente pola barbarie da sinrazón.
Unha mostra que paga a pena visitar devagar porque máis ca unha mostra é unha verdadeira lección de historia, e nesa historia, ten un espazo estas terras da que nós deixamos constancia nesta entrada.
O material aquí exposto pon de manifesto as inquedanzas que percorrían estas terras naqueles anos de grandes proxectos e ilusións.
Este grupo de Cotá como recolle A Nosa Terra, estaba presidido por Xesús Piñeiro López como presidente, Xosé Vilela Pena, como secretario e verdadeiro impulsor do grupo, Eduardo Cabado coma tesoureiro e Manuel Rivas, Xosé Longarela e Manuel Cruz como vocais.
0 comments:
Publicar un comentario