29 maio 2013

Muller miña non bebas viño...

Xa había ben anos que non escoitabamos esta cantiga acumulativa que recollemos no seu momento no concello de Taboada
No APOI ( Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) demos con esta versión que enlazamos aquí, por se a queredes escoitar -paga a pena--e que está recollida en Friol, no ano 1996 por Mini , Xosé Luís Rivas Cruz.
Desta clásica cantiga de bebedela e das súas variantes portuguesas, asturianas e castelás, hai un interesante traballo publicado por J. Manuel Pedrosa: "La canción báquica de "La borracha" en las tradiciones orales luso hispánicas".
Aquí deixamos a letra recollida por nós que é unha variante da que podemos escoitar no APOI.



Muller miña non bebas viño (bis)
que che hei de comprar unhos zocos (bis) 
E iso non maridiño non (bis)
que os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos.

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar unhas medias.
E iso non maridiño non.
As pernas feas non queren as medias 
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos 

Muller miña non bebas viño.
que che hei de comprar unhas braghas.
E iso non maridiño non,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias,
e os pés tortos non queren os zocos
e veña viño prós nosos corpos 

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar un xustillo.
E iso non maridiño non ,
corpo sencillo non quere o xustillo,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos.

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar un pañuelo.
E iso non maridiño non,
cabeza de anzuelo non quere pañuelo,
corpo sencillo non quere o xustillo,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño pros nosos corpos 

Nota: A ilustración é a fotografía da tapa dunha caixa dos chamados palillos portugueses, que na década dos trinta se popularizaron polas tendas e tabernas das terras luguesas, lugares nos que, ben seguro, se entoaba esta cantiga

1 comentarios:

Kris Pereira`s

"E veña viño pros nosos corpos"... interesante cantiga que atopástedes en Taboada ;)

Saúdos para Friol desde os paraísos asolagados!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.