Achéganse as festas da vila e nós aproveitamos para publicar esta fotografía que nos facilitou Carmiña do Grande e que, segundo nos informa Higinio M. Fernández de la Vega, foi publicada polo Concello no calendario que esta institución edita ultimamente.
As festas patronais incorporaban case sempre algunha actividade deportiva, dependendo da época, dos organizadores e das posibilidades para desenvolvelas.
En Friol organizáronse no seu momento carreiras ciclistas, pedestres, de sacos, tiradas ao prato e, como non! partidos de fútbol entre solteiros e casados.
Esta imaxe reflicte a composición do equipo de solteiros que alá polo ano 1970 ou 1971 (non temos data exacta ) se enfrontaron, e gañaron, ao equipo conformado polos casados vilegos.
Cremos (polas informacións xornalísticas daqueles tempos) que a contenda desenvolveuse coincidindo coas festas da Santa Isabel. O partido xogouse nos terreos cedidos polo Doutor López Suárez para zona escolar e deportiva ( xa falamos disto noutras entradas).
Fixándonos na instantánea vemos de pé de esquerda a dereita a:
Ángel Burgo (Farras), fotógrafo que nesta ocasión quixo ser fotografado ( Foto Lito).
Segundo Gregorio Grande (Cholo do Grande), concelleiro encargado daquelas da organización das festas e que tamén exerceu como Xuíz de Paz de Friol.
Manuel Martínez Fernández de la Vega ( Manolo de Neira) que foi tenente alcalde tamén na mesma época ca o anterior.
Manolo de Teixeiro ( O Panadeiro), falecido, que nos últimos anos foi empregado municipal.
José Ribera (Pepe), natural de Galdo,Viveiro que estaba de apoderado do Banesto e viña no verán a atender a citada sucursal bancaria.
Higinio M. Fernández de la Vega (irmán de Manolo de Neira).
Entre estes dous últimos, asoma a cabeza de Plácido Vázquez Gómez (Cotarón) falecido hai poucos días á idade de cen anos. Facía as funcións de masaxista.
Anicados vemos a:
José Manuel Bóveda, actual propietario do pazo de Friol.
Ramón Saavedra (Ramón de Miraz), un dos irmáns donos e descendentes da familia Saavedra da torre de Miraz.
Manuel García Morandeira (Manolo do Grande), traballador da Caixa de Galicia.
Luís López Rodríguez (Luís do Café) propietario na actualidade do Café Bar Friol.
Luís Fernández (Luís de Amalia).
Por último, José de Outarelo, alguacil que foi do Concello de Friol, e tío do actual garda municipal.
Só queda agradecer tanto a Carmiña do Grande como ao noso inestimable colaborador, Higinio M. Fernández de la Vega, pola fotografía e información da mesma.
2 comments:
A unión das persoas que pasaban o verán, dáballe moita vitalidade o pobo.
¡ Qué estupendas festas, coas millores orquestras de Galicia, alá polos nos anos 1960. Eran as festas de todo o Concello! . Había abarrote no campo da festa e as verbenas viña moita xente de Lugo e concellos limítrofes.
Vendo estes recordos, cantas pasaxes se nos veñen á mente do noso querido Friol
¡ ¡ Viva Friol!!!
Publicar un comentario