07/07/13

Festas de Santa Isabel (1957)

Situémonos no día 7 ou 8 do mes de xullo do ano 1957. Celebrábanse as festas da patroa de Friol, Santa Isabel, e estas rapaciñas eran retratadas coas súas roupas de festa --lembremos o relato de X.Quintiá "A roupa nova": unha exquisitez-- servíndolles como fondo a casa de Domingo Carricoba Salvador (á esquerda) no comezo da estrada que leva a Carballo; ao fondo vese a carballeira do Campo da Feira e pódese intuír a casa de Neira e o inicio da estrada cara a Lamas.
Aínda non se acometera a urbanización do Campo da Feira e a súa contorna, tan desexada polos comerciantes da vila e que foi proxectada e realizada (a primeira actuación) sendo xa alcalde Manuel Andón Cebreiro, a principios dos sesenta. Curiosamente Andón asume a alcaldía no mes de outubro deste ano 1957.
Seguro que estas mociñas, escoitaron os compases da orquestra herculina Spallant que co seu vocalista, Fernando Obell foi a encargada de amenizar estas festas vilegas (a historia desta orquestra é ben interesante).
Friol estaba a piques de darlle un grande empurrón as súas festas patronais. Durante unha longa etapa, que coincide practicamente coa alcaldía de Andón, os seus palcos 'personalizados' todos os anos para as diferentes orquestras, foron motivo de comentarios positivos en toda a contorna.   
Este ano con nova e activa Comisión de Festas, esperamos que estas sexan do gusto da concorrencia e acaden o éxito que merecen e reflictan o traballo realizado.
Boas festas! 
Nota. A fotografía que ilustra a entrada foi achegada por unha moi boa colaboradora deste proxecto que aparece retratada cando era nena.

1 comments:

Anónimo



! Canto cambeou Friol e que empuxón se lle deo na década 1960 !

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.