20/10/13

Foro da USC: Proxéctate en galego

Esta fin de semana desenvolveuse en Lugo o Foro da USC " Proxéctate en galego". Dentro das diferentes actividades programadas, este domingo xa no Museo de San Paio de Narla, tivo lugar a 3ª das xornadas baixo o suxerinte título de " O patrimonio é unha mina".
A primeira das intervencións correu a cargo do profesor da USC, xornalista e creador da páxina Capítulo 0, Manuel Gago, que versou sobre O patrimonio cultural: unha poderosa ferramenta de vertebración e empoderamento das comunidades locais en Galicia. Nun ton distendido achegounos a súa visión e experiencia na recuperación de contornas patrimoniais e a súa posta en valor, desde unha 'novidosa' óptica na que interactúan os membros da comunidade na que se realiza a intervención e os técnicos que a levan a cabo. Un xeito de traballar que segundo expuxo dá uns magníficos resultados.
A continuación  tocounos aos coordinadores deste blog falar de O patrimonio por descubrir: o caso de Friol, charla na que expuxemos o noso punto de vista sobre  o desinterese institucional cara o patrimonio friolés, ao tempo que fixemos un pequeno percorrido sobre o noso traballo e a súa rendibilidade didáctica.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.