24/02/14

Máis sobre o Entroido

Volvemos a estar metidos de cheo no ciclo festivo do Entroido; nótase no ambiente e aproveitándoo desenvolvemos cos de Carballo Vivo, este venres, unha nova sesión do Obradoiro da Memoria que inicialmente xirou sobre o Entroido. Xa se sabe que o falar non ten cancelas e os temas tratados foron diversos, pero iso é outra historia.
Na reunión, falaban os presentes da celebración do Entroido, concretamente das Pardellas (Condes) e da Laxe (Carballo) e coincidían os participantes que era o propio domingo o día que se tiña o costume de ir correr o Entroido, e o martes era máis de quedar no lugar, comendo a fartar, comunitariamente, nas diferentes casas da aldea correspondente; de aí a denominación do martes --cremos nós-- como Día das sete comidas.
Na vila celebrábase esta festa coa presenza de disfraces que percorrían Friol gastando chanzas e procurando non ser recoñecidos.
A fotografía que achegamos, nesta ocasión grazas a Carmiña do Grande, é unha mostra vilega do Entroido ( cremos do ano 1963), na que podemos observar a dúas mozas disfrazadas como parella máis que posta e a que representa o rol masculino acompaña o seu disfrace cun cigarro --tipicamente varonil naqueles tempos--.
O lugar escollido para a instantánea non sabemos se garda relación cunha visita á institución na procura dalgún "certificado de boa conduta". Seguro que sodes quen de atinar cos membros da parella.
Bo Entroido!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.