11/02/15

Galicia Encantada

Onte na Librería Trama tivo lugar a presentación do libro "Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías", coordinado por Antonio Reigosa e con ilustracións de Noemí López.
Este proxecto dixital que hai dez anos botou a andar da man do seu coordinador Antonio Reigosa, e que acolle mitos, lendas, contos, sucedidos, romances, xogos... é unha obra colectiva pois son moitos os colaboradores que ao longo do tempo foron achegando pequenas historias que conforman o que hoxe é Galicia Encantada e que queda reflectido na obra onte presentada.
As razóns desta entrada, aparte de felicitármonos polo décimo aniversario da web, é que neste volume editado por Xerais aparece recollida unha lenda relacionada coa Cova da Serpe que empregamos no seu momento para unha das montaxes teatrais, concretamente de "De serpes e segas" e que chegou a Galicia Encantada da man de Francisco Lendoiro Serrano (páx 80); a outra razón é que tamén aparecen publicadas neste libro algunha das achegas que nós fixemos de cando andabamos por terras ancaresas mergullados nun proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia.
Precisamente e dada esta colaboración, onte tivemos a satisfacción de participar no acto xunto con María Celina Cruz Rodríguez,  Xosé María Gómez Vilabella, Adela Figueroa, Xose Manuel Blanco Prado, Xabier Moure, Isidro Novo, maila ilustradora e o propio coordinador.
Desexamos desde aquí a permanencia no tempo deste proxecto e que sirva como apoio á necesaria pervivencia na nosa memoria colectiva  de todos estes textos literarios de tradición oral que reflicten o que fomos e o que somos e permítennos soñar cun país máis identificado coas súas orixes.

2 comments:

Mª José

Grazas , vou mercar o libro :)

Carricoba

Paga a pena.De todas formas tes todo na web Galicia Encantada.
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.