Queremos pechar as publicacións deste ano 2023 cun conto.
Non cos contos que nos contan a diario e que chegan a nós polas máis sorpresivas vías e que de non estarmos alerta, xeran expectativas erróneas caendo no engano no que pretenden que vivamos os especialistas das fraudes.
Sen irmos máis lonxe estes días andan engaiolando a orella dos dependentes avellentados co conto dos 5000 euros, que din universais.
E nestoutra ler o DOG onde aparece o contido real.
O demais sonche contos!
E imos ao noso:
De Lois Carré Alvarellos xa falamos nunha entrada anterior e mesmo editamos o conto "Se calo , revento" do seu libro "Contos populares da Galiza" contos recollidos por Carré nas súas viaxes por Galicia adiante (viaxes nas que non esqueceu Friol ).
Na recompilación aparecen, xa dixemos, tres relatos recollidos no concello friolés:
Hoxe publicamos o que leva por título "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas
Di así :
Foi nos tempos aqueles en que non chegaba o sal pol-as aldeias mais
que unha vez en cada ano, cando no tempo da matanza víñano trael-os
arrieiros coas suas arreatas cangadas, e daquela, nas casas, poñíase un
ataño debaixo do picho do baño pra aproveital-a salmoira; e, ele foi, que
o siñor cura da parroquia, que era moi comillón e gustábanlle moito as
papas, tiña un viaxe e deixoulle dito á criada:
--Oes, pra cando veña, xa me terás unha boa cunca de papas.
--Ben está, si siñor.
E o siñor cura marchou, e cando foron horas, a criada fixo as papas;
dun barcal tirou a i-auga que o siñor cura non quería senón da fonte do
picho, que tiña sona de sel-a millor da parroquia, e do ataño da salmoira
botou unha pinguiña coa garfela.
Cando chegou o siñor cura xa era ben tarde, e traguía tanta fame,
que engulipou ele soio meio pote de papas, e xa arrotaba de farto cando
dis a criada:
-- E logo, siñor cura, seique están boas?
-- Oooáaa ! , téñenche unha areiña de sal de mais, -- respondeu.
E foi daquela que a criada deprocatouse que fixera as papas na salmoira; craro, figurádevos, cómo non había pasar se todol-os ataños eran
imitantes?
Recollido en San Xian de Friol.
(Respectamos a propia grafía do autor)
0 comments:
Publicar un comentario