23 febreiro 2010

A casa de Julia en Rosende (Anxeriz)

Se ben a arquitectura rural reproduce modelos coñecidos que cristalizaron xeración tras xeración ata chegar a un prototipo funcional, tamén é certo que en moitos casos hai un intento de personalización da vivenda. Un exemplo é a chamada Casa de Julia en Rosende. A vivenda, desde o punto de vista construtivo, segue o modelo de casa-bloque típica de Lugo, feita de grosos muros, pero diferénciase dos modelos máis antigos por introducir máis ocos dos habituais. A fachada exhibe un traballo de cantaría regular nas esquinas e nos vans. O resto do paramento está encalado. Pero onde o seu propietario decidiu dar un toque persoal (non sabemos se por capricho propio ou por suxerencia dalgún canteiro con inquietudes creativas) é nos detalles ornamentais. Moitas veces, estes contribúen a dar un toque de distinción que se convirta en elemento diferenciador dun certo status socioeconómico. Entre estes elementos, chamounos a atención a interpretación persoal do que nos parece un grutesco metamorfoseado nunha figura feminina que leva as mans á cintura para logo abrirse nunha ampla saia. A cabeza, moi sobresaínte do muro, está delimitada por unha abundante cabeleira feita con apliques de cemento, igual que o pescozo. A factura deste rostro é moi semellante ó do rostro que decora o pozo na parte posterior da casa: de mentón recto e pronunciado, e cunha boca feita cunha incisión recta. No pozo figura a data de 1958, probable ano ou ben da construción ou ben dunha reforma. (Para nós está claro que esa data se corresponde ca intervención ornamental, pero non sabemos da data da creación orixinal. A sensación é de que modificaron ornamentos preexistentes).
A cuberta, de lousa, é de catro vertentes (máis eficaz para a evacuación das augas), e está decorada nos remates por dúas curiosas figuras masculinas: unha é máis tosca, de feito só se detalla a cabeza; a outra é unha encantadora figura dun home vestido con chaqueta, pantalóns e boina, e aparece cos brazos pegados ao corpo mentres mira ó infinito. Será o dono da casa vixiando a súa propiedade mentres deixa pasar o tempo?.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.