
O retablo segue as pautas características dos retablos galegos do primeiro terzo do S.XVIII: está dividido en tres rúas, con fornelas únicas nas rúas laterais e fornelas superpostas na rúa central. É debedor do estilo de Andrade, aínda que as columnas son máis esveltas e perden o vigor expresivo de aquel. O repertorio ornamental deriva tamén de Andrade: pámpanos e acios de uvas que percorren as columnas e enmarques das fornelas, sartas vexetais con froitas douradas, grandes follas e espirais, formas en ril (en C) nos remates laterais e remate superior...
Como é habitual nesta época, aínda non hai movemento en planta: as roturas da arquitrabe non impiden unha visión unitaria do conxunto, resultando un retablo basicamente planimétrico. Incluso o sagrario-expositor, a pesar de recibir protagonismo visual, respecta a horizontalidade da base, mantendo en todo momento a harmonía dun ente arquitectónico único.
Na predela e reforzando a división en rúas, sitúanse catro cabezas de anxos alados, que aínda que barrocos polo estilo, mostran un acusado clasicismo no rostro, de proporcións equilibradas e factura académica.
O cromatismo é moi sobrio: dourados e azuis cobalto, pero esencialmente, o que predominan son os dourados, recurso habitual para aparentar riqueza. Non sabemos se foi unha suxestión dos promotores ou do artista (de momento anónimo), pero sí sabemos que algún 'retablista' da época, como Castro Canseco, utilizou os dourados de forma profusa nas súas obras. Para contribuír a esa aparencia de luxo, as fornelas están pintadas con veteados rosáceos que imitan o mármore.
Sobre a iconografía xa falaremos. De momento adiantamos algúns datos: na fornela esquerda está Santiago Matamouros; na fornela central a Virxe do Carme; na fornela dereita Santa Águeda, e na fornela superior San Antonio de Padua.
0 comments:
Publicar un comentario