16/11/08

O Campo da Feira de Guimarei

Se botásemos unha ollada atrás aínda poderíamos escoitar a barafunda que nos campos da feira íase xerando mentres se realizaban as transaccións económicas, e as posteriores celebracións que cadrasen, propias destes lugares.

Tanto en Roimil os 16 , como en Cotá os 18 , como neste do que imos falar agora de Guimarei os 26 de cada mes celebrábanse feiras que a partir dos anos 70 do século pasado foron perdendo importancia ao darse un xiro nas relacións económicas , mellorarse os acesos ás grandes vilas e cidades e realizarse as transaccións de gando en puntos concretos destinados a tal fin.


Aínda foi quedando o aquel de ir á feira , ligado o feito ao cobro da pensión nas oficinas bancarias, facer o gasto nas cousas necesarias para a casa e aproveitar a viaxe para comer o polbo, a carne ao caldeiro ou á maragata, dependendo do gusto ou das zonas.
O Campo da Feira de Guimarei tiña unha estrutura permanente , aínda hoxe podemos contemplar o que quedan das edificacións e a que os veciños chaman “Calle da Reina” que atravesa o Campo con casas e casetos a ámbolos dous lados.
Na casa do Mesón -aínda mantén o nome-- lembran os veciños, que para dar de comer aos feirantes, matábase un becerro que era comido nos dous días que duraban as actividades. Os feirantes chegaban pola tardiña do día 25 para ir acomodando as súas pertenzas e a feira desenvolvíase o 26. Isto achéganos unha idea do concorrida que chegou a ser esta feira.
Na actualidade o abandono do que foi o recinto é total, aproveitando os veciños os casetos e algunha das vivendas para gardar neles apeiros de labranza, e outros trebellos de uso diario.
Como “cada un fala da feira segundo lle vai nela” seguramente quedan cousas no tinteiro que podedes completar de ter interese e tempo.

1 comments:

Anónimo

Segundo contan os veciños, a feira máis importante era a celebrada no mes de outono.
Non se sabe cando empezaron a celebrarse estas feiras. O que si hai constancia documental é que no século XVIII relaizábanse importantes transaccións de gando.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.