29/04/09

Friol 1936-1939: historias que non se esquecen.

Eugenia Villar López, de 84 anos e veciña de Friol, acórdase perfectamente daqueles tempos, pois moitos dos seus tiveron que ir á guerra. Por entón, Eugenia vivía en Palas, e di que pasaban moitos traballos para conseguir comida, case toda procedente da produción propia e algunha da ración, que enviaban unha vez ó mes: 1 litro de aceite, 1 Kg de azucre.. que debía render moito, pois as familias tiñan moitos fillos. Dous irmáns de Eugenia foron á guerra. A un deles, Jesús, chamárono un día de verán. Non lle quedou máis remedio que irse afiliar ó concello. Pouco tardaron en chamalo. Presentouse en Lugo, de aí mandáronno a Monforte, e despois á fronte de Teruel. Dende alá enviaba cartas á familia, nas que dicía que sufría moito, que aquilo era moi duro, e que temía pola súa vida. Durante dous longos anos seguiu escribindo... ata que deixou de facelo. A familia, temerosa do peor, foi ó concello a informarse. Alí acababa de chegar a súa baixa por morte. A familia sufriu moito por non poder velo de novo e por non poder facerlle un enterro digno.
O outro irmán, Ramón, tamén foi á guerra, pero tivo máis sorte, pois non o enviaron á fronte, senón que lle tocou a artillería. Regresou a casa vivo ó cabo de dous anos.
O home de Eugenia, aínda solteiro, tamén foi á guerra. Tocoulle a fronte, pero tivo sorte, pois estando en Málaga, un disparo amputoulle un dedo. Permaneceu no hospital mentres o seu batallón lidiaba coa fase máis dura da guerra e na que houbo máis baixas. Pouco despois regresaba a casa.
Eugenia Villar tamén fala de moita xente á que mataron. Algúns eran enterrados en foxos que despois cubrían con escombros. Outros eran queimados con gasolina. Moitos dos que regresaban da guerra viñan sen brazos ou sen pernas, e con moitas secuelas psicolóxicas.
Pero un dos feitos máis brutais que Eugenia recorda, é o caso dun veciño a quen os falanxistas arrincaron os ollos en vivo. Para aumentar o sufrimento, permitíronlle que curara as súas feridas na casa. Finalmente, foi fusilado.
Recollido por Maribel Penas Fernández, estudante de 4º de E.S.O. de Friol, e bisneta de Eugenia.

1 comments:

Anónimo

Una guerra siempre es cruel, pero cuando es entre hermanos , mucho más...
un abrazo. Ramon Rivas Vaquero. Buenos Aires, Argentina

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.