26/04/09

Friol 1936-1939: o medo e a fame.

"Faltaba de todo. Estabamos a ración. Tiñamos que ir á Casa do Grande polo pan e á Casa do Neira polo aceite. Comiamos caldo mal feito, porque non había con que facelo, e leite. Ibamos mal vestidos e mal calzados. Non había viño. Había que cultivar alimentos para comer. Nas casas había pouca auga e había que ir ós regatos a lavarse.
O meu tío foi á guerra. Disparáronlle nunha perna. A xente ó vir da guerra traía pulgas, piollos e ladillas. Había que ferver a auga para quitalos. Un home de aquí, de Macedo, trouxo o mal das mulleres (sífilis) e morreu diso a berros. Na Hedreira, un home que viñera cun permiso díxolle á súa nai: se non morrín ata agora, xa non morro. Ós oito días veu a baixa porque morrera. Moitos dos que escaparon da guerra acabaron en Cuba e en Arxentina". Así recorda aqueles anos Ángela López Blanco, de 79 anos e veciña de Macedo (Condes).
"A xente tiña medo de que viñeran os falanxistas e levaran a alguén da familia. Requisaban os alimentos. Desaparecían persoas. Había xente que traficaba cos alimentos, como Chinete, que se matou porque ían por el. Cando os homes ían á guerra, as familias quedaban destrozadas, e non podían con todo o traballo. Non se podía falar de política, porque se había chivatos podían vir por ti. Houbo xente que, para non ir á guerra, viviron agachados. A Macedo chegou un home da Coruña para agacharse nun pendello vello. Dábamoslle de comer os veciños". Contado por Adelina López Blanco, de 68 anos e veciña de Macedo. Aínda que non lle tocou vivir a guerra, coñece historias contadas polos seus maiores.
Son relatos recollidos por Lucía López Lodeiro, estudiante de 4º da E.S.O. de Friol

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.