04/04/09

Igrexa de Santa María de Carlín

A igrexa parroquial de Carlín ten as súas orixes no primeiro terzo do S.XIII, nunha época de transición entre o románico e o gótico. Foi sometida a unha profunda reforma no ano 1883 que modificou por completo o seu aspecto externo.
A fachada é moi sinxela e de corte plano, seguindo os canons estéticos do Neoclasicismo. A porta está enmarcada por un lintel cunha inscrición alusiva á reforma (AÑO 1883____________SE HIZO SIENDO CURA D ANTONIO DEVESA YGLESIAS). Sobre a porta ábrese unha ventá rectangular enmarcada por molduras pétreas. Dúas aletas curvas coroadas por pináculos de bóla e rematadas en pequenas volutas, serven de transición para a espadaña. Esta aséntase sobre unha cornixa e está formada por dous arcos de medio punto. O remate superior resólvese cun arco decorativo e tres pináculos con bóla.
O interior da igrexa tamén foi reformado, pois elevouse a altura dos muros da ábsida para igualalos cos da nave. Con todo, son facilmente observables as partes máis antigas. Así o vemos na ventá seteira da ábsida, de trazos tardorrománicos, ou nunha segunda ventá no muro sur. Tamén no muro sur ábrese unha porta lixeiramente apuntada propia dun gótico incipiente.
Desta época é tamén o arco triunfal apuntado que se alza sobre impostas. As pinturas da ábsida foron xa comentadas nunha entrada anterior.
A porta principal da fachada presenta no seu interior un arco de medio punto que se apoia sobre pezas que parecen reutilizadas de basas de columnas. Segundo J. Delgado Gómez (La iglesia de Carlín y su interés histórico y arqueológico. Lvcensia, vol. 18, nº37, 2008), as doelas deste arco deben ser as orixinais do primitivo arco exterior apuntado.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.