A exuberancia ornamental da igrexa de San Xiao do Carballo é unha proba do cariño co que foi tratada polos veciños, quen mediante doazóns foron dotando ó conxunto dunha rechamante riqueza en imaxinaría e en decoración pictórica. Aínda que a maior parte das intervencións son xa tardías, do S.XIX, o resultado é bastante sorprendente. Proba disto son as pinturas do teito da capela lateral esquerda, pintada no ano 1865, segundo consta no rótulo do tímpano de madeira no arco de acceso. As pinturas, feitas sobre madeira, representan ó tetramorfos cos seus correspondentes símbolos. Os evanxelistas parecen habitar un espazo metafísico, propio de quen permanece baixo inspiración divina. Están pousados sobre nubes e sobre fondos dourados, recurso que, ademais de dotar ó ambiente dunha aparente riqueza, foi habitual na arte cristiá para aludir á intemporalidade, á negación dos espazos cuantificables e, en definitiva, ó sobrenatural.
A calidade das pinturas tal vez sexa mediocre, pero non se lle pode negar un encanto un tanto "naif". A parte central presenta un traballo de carpintaría que recolle os xa afastados ecos do rococó.
1 comments:
Curioso lugar para deixar a inscrición.
Publicar un comentario