16/10/09

A gaita de Cristovo

Nunha entrada anterior relacionada co Entroido en Friol, recollemos a letra dunha comparsa transmitida por Carmen Morandeira, do Sisto, Anxeriz.
Achegóusenos a fortuna, en forma de páxina web, concretamente a  de Galicia dixital  e permitiunos coñecer un dos romances, recollidos nos anos noventa do século pasado, por Mini e Mero --compoñentes do grupo musical "A Quenlla"--  tamén á citada veciña.
A que recollemos nesta entrada leva por título "A gaita do Cristovo " e di así:


Voulles dicir unha cousa
que os hei de facer rir
un gaiteiro moi gracioso
un día do mes d’abril.

il chamábase Cristovo
i-a súa muller Micaiela
tocaba nas romerías
fuliadas e nas festas.

Ganaba moito diñeiro
tocando a súa gaitiña
homes, rapaces e vellos
rabeaban por oila.

Cristovo na foliada
bebeu de máis unha pinga
e despois vendeu a gaita
sin sabe-lo que facía.

E cando chegou á casa
borracho com’on pelexo
¿que lle fixeches á gaita?
Cristovo que non cha vexo.

A miña gaita vendina
á noite na foliada
porque estaba acabadiña
vella xa non tocaba.

Sácate d'eí Cristovo
sinvergonza e porcalleiro
pra que vendiche-la gaita
s'eu sin gaita non te quero.

Cristovo qu’aquelo dixo
salió ca cabeza baixa
decindo: válgame Dios
pra qu’eu vendería a gaita.

Cristovo ó ver aquello
comprou outra nova gaita
entrou pola casa adiante
tocando unha ribeirana.

Miña Mica, Micaiela
podes estar contentiña
tráioche outra gaita nova
moito millor cá que tiña.

Micaiela ó ver aquello
botoulle as maus ó punteiro
e dixo bailando sola
tiruliro, meu gaiteiro.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.